Ana Miranda recunca como cabeza de lista do BNG ás eleccións europeas

Ana Miranda © Delmi Álvarez

O BNG xa ten proposta de candidatura para as vindeiras eleccións europeas, na que recunca como cabeza de lista Ana Miranda, ex eurodeputada durante un tempo lexislatura que agora remata e secretaria de Política Internacional da organización nacionalista. A listaxe, froito da proposta da Executiva Nacional en base á feita antes polas asembleas comarcais, deberá agora ser referendada no Consello Nacional do vindeiro 8 de febreiro, aínda que quedará a expensas da coalición electoral na que finalmente concorra o Bloque e que, en principio, xuntará a Bildu e outras organizacións da esquerda nacionalista do Estado. Non semella que a ERC, que tería rexeitado a proposta.

Ana Miranda será cabeza de lista dunha candidatura do BNG que está a expensas da coalición na que se incluía de cara aos comicios europeos

Ademais de Ana Miranda, cuxo traballo na Eurocámara é recoñecido por propios e alleos, ao número dous incorpórase o voceiro municipal do BNG no Concello da Coruña, Xosé Manuel Carril, que será tamén cara visible dunha candidatura que o Bloque define como "da cidadanía galega" e que pretende ser "aberta e plural". Por iso, a organización nacionalista introduce na lista "representantes da sociedade máis activa e mobilizada do país" e persoeiros que considera "destacados na loita contra as políticas regresivas de acoso á maioría social que aplica o PP".

Así, no número catro da candidatura aparece Xesús Domínguez, portavoz da Plataforma de Afectad@s polas Preferentes en Santiago; tamén está Alba Fidalgo, activista da Plataforma de Cláusulas Solo e Abusos Bancarios; Manuel Moreira, médico e portavoz da Plataforma SOS Sanidade Públia en Vigo de número oito; Xosé Lois Leirós, portavoz da Coordinadora Nacional Galega de Emigrantes Retornados, ou Manuel Soto, biólogo e activista de Adega contra a megaminería.

A lista do Bloque inclúe representantes de diversas loitas sociais, como líderes de preferentistas, da defensa da sanidade pública ou de emigrantes retornados

Pero o BNG inclúe tamén na candidatura persoeiros da cultura galega entre os que destaca o escritor Suso de Toro, pero tamén a actriz Isabel Risco, Pilar García Negro ou a poeta Marta Dacosta. Ademais, tamén aparece Carlos Callón, presidente d'A Mesa pola Normalización Lingüística ou "destacados referentes" na defensa dos sectores produtivos galegos, como o responsable do sector naval da CIG, Cesar Rodríguez; Xavier Aboi, da CIG-Mar e portavoz do colectivo de mariñeiros afectados polo acordo pesqueiro UE-Mauritania; Xan Rico, do comité de empresa de Navantia; Mar Vila, do sindicato agrario Fruga; e Rosa Abuín, traballadora do sector conserveiro.

O escritor Suso de Toro ocupa o sexto lugar dunha lista onde tamén están Isabel Risco, Marta Dacosta ou Pilar García Negro

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González e o ex deputado Alfredo Suárez Canal tamén forma parte dunha candidatura que pecha simbolicamente o portavoz nacional, Xavier Vence, que como voceiro anunciara hai xa meses que o Bloque negociaba con ERC e EH Bildu unha coalición electoral de cara aos comicios europeos xunto a outros pequenos partidos nacionalistas de esquerda.

No entanto, os socios cos que xa contaban tanto a esquerda abertzale como o BNG non semellan optar por esta vía. Segundo adiantou Naiz.info, Esquerra rexeitou a posibilidade de concorrer en coalición con EH Bildu, BNG e outras forzas nacionalistas ás eleccións europeas, lgood unha xuntanza celebrada o pasado venres entre as formacións vasca e catalá.

ERC rexeita formar parte da candidatura da esquerda nacionalista xunto a Bildu, BNG e outras pequenas forzas

Malia que as discrepancias entre as tres formacións  non existen, Esquerra tería decidido priorizar a súa propia candidatura ante o proceso soberanista que se vive en Cataluña e logo de que se pactase unha consulta para o 9 de novembro, que  podería dar paso a unhas eleccións plebiscitarias no caso de non celebrarse. ERC prevé ir en solitario aos comicios, logo de negar tamén a posibilidade que lle ofrecía CiU de conformar unha lista conxunto do soberanismo catalán.

De non haber novidades, EH Bildu e BNG serían agora as dúas principais bazas desa coalición da esquerda nacionalista, na que se integrarán pequenas formacións doutros territorios e que en Galicia aínda está á espera do que decidan as bases de Anova, que se dividen entre formar parte dunha candidatura ampla xunto a IU e outras formacións ou unirse á opción soberanista.

Ana Miranda no Plenario do Parlamento Europeo © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.