Ana Pastor critica no Parlamento de Galicia o uso das linguas como "arma" tras manifestarse contra o galego no ensino

O presidente do Parlamento, Miguel Santalices, presentando o debate da presidenta do Congreso, Ana Pastor, co seu antecesor José Bono moderado pola xornalista Àngels Barceló Dominio Público Parlamento de Galicia

O 8 de febreiro de 2009 a daquela deputada do PP na oposición e ex-ministra de Sanidade Ana Pastor encabezou en Santiago unha manifestación convocada pola asociación Galicia Bilingüe que reclamaba liberdade para que pais e nais puidesen decidir que os seus fillos non estudasen galego na escola. Este luns, no Parlamento de Galicia, a agora presidenta do Congreso lamentou que algúns políticos utilicen “as linguas cooficiais como arma arreboladiza en lugar de normalizar o seu uso como si se fixo en Galicia”. Así o dixo nun coloquio co seu antecesor celebrado na Cámara galega co gallo do 40 aniversario da Constitución que os dous centraron en Catalunya e no que o segundo pediu “facer o que sexa mester para que o secesionismo non triunfe”.

Catalunya centra un debate sobre a Constitución celebrado no Hórreo entre a presidenta do Congreso e o seu antecesor José Bono, que pide “facer o que sexa mester para que o secesionismo non triunfe”

Organizado pola Cadena Ser e El País, o coloquio no Parlamento de Galicia polo 40 aniversario da Constitución foi moderado pola xornalista Àngels Barceló e presentado polo presidente da Cámara autonómica, o popular Miguel Santalices. A el asistiron representantes de PP e PSdeG pero non de En Marea nin BNG.

Na súa intervención, Pastor, obviando o seu respaldo de hai unha década a Galicia Bilingüe e a súa campaña contra a normalización do galego, asegurou este luns que “o normal sería que todos os españois” coñecesen todas as linguas cooficiais, engadindo que “oxalá todos soubésemos catalán”, e puxo como exemplo que en Galicia “falamos galego ou falamos castelán, e non sabemos que estamos falando”. A súa frase criticando o uso das linguas como "arma" mesmo foi divulgada a través da súa conta de Twitter.

Pola súa banda, José Bono dixo que o sentimento patriótico en España debera estar vinculado á Constitución e dixo que “o separatismo, o independentismo, é un sentimento afastado da esquerda”. “Creo que debemos facer o que sexa mester para que o secesionismo non triunfe”, sentenciou o tamén ex-ministro de Defensa.

Asistentes ao debate sobre a Constitución na Cámara galega [Parlamento de Galicia]

Ana Pastor e Rosa Díez, na manifestación convocada pola asociación 'Galicia Bilingüe' o 8 de febreiro de 2009 CC-BY-SA Manuel Vilas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.