Ángel Currás rexeita a acumulación de cargos de Paula Prado

Paula Prado © Concello de Santiago

A designación de Paula Prado como portavoz do PPdeG foi unha das grandes novas do congreso que o partido conservador celebrou esta fin de semana en Lugo. A concelleira en Santigo e deputada no Parlamento mantén un enfrontamento aberto co alcalde Ángel Currás e o seu nomeamento por parte de Feijoo foi entendido como un posicionamento público do presidente da Xunta ao seu favor.

Porén, o novo cargo de Prado tamén podería significar o seu abandono do Goberno municipal compostelán, por mor da acumulación de cargos e responsabilidades. De feito, no seo do PP dáse por segura esta posibilidade. Preguntado por esta cuestión este mesmo luns, Ángel Currás limitouse a dicir que tratará con ela a cuestión esta mesma semana, pero adiantou que a súa posición sobre este tema "é coñecida" e que non é partidario da multiplicación de responsabilidades. Preguntado en concreto sobre o conflito interno que vive o Partido Popular na cidade de Santiago, Currás recoñeceu que "sempre hai tensións" e que se poden "superar".

Preguntado sobre o conflito interno que vive o Partido Popular na cidade de Santiago, Currás recoñeceu que "sempre hai tensións"

O outro foco de tensión na comarca para o Partido Popular nas últimas semanas está en Ames, onde hai uns días seis dos once concelleiros populares non acudiron ao pleno no que se debatía o plan de obras do Concello. A resposta do alcalde chegou este luns co anuncio da destitución do seu primeiro tenente de alcalde, Ramón García Argibay, por "perder a confianza nel". García Argibay explicara que a ausencia do pleno respondía a "disconformidades" que viñan "de meses atrás".

Paula Prado © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.