"Se hai unha responsabilidade política é a de non controlar o crecemento e deformación do sistema ferroviario" nun contexto no que os dous grandes partidos "non teñen ningún interese en averiguar todas as circunstancias que rodearon o accidente" por un "medo infundado a que haxa repercusións políticas". Quen fala é David Reinero, autor do libro Angrois: O AVE en anacos e un dos poucos xornalistas que segue a realizar un seguimento exhaustivo das indagacións xudiciais sobre o sinistro e da evolución e demandas das vítimas, fundamentalmente nas páxinas do xornal El País. A piques de facerse un ano da traxedia sucédense as homenaxes ás persoas falecidas e feridas e a quen as atenderon, a última, a Medalla de Ouro de Galicia cuxa concesión chega mentres a instrución xudicial se ralentiza -polo cambio de xuíz e o verán- e a investigación política permanece vetada.
O Consello da Xunta aprobou este xoves concederlle a máxima distinción da comunidade autónoma ás vítimas, á veciñanza da parroquia compostelá de Angrois, ao persoal dos servizos sanitarios, de emerxencias e de seguridade así como os entes e organismos que os asistiron tras o descarrilamento, caso do Instituto de Medicina Legal, a Cruz Vermella, o Centro de Transfusións ou a Federación de Doadores de Sangue. O presidente da Xunta foi o encargado de anunciar a concesión de galardón e a intención de tornar a súa entrega nun acto de "homenaxe" ás vítimas e á "Galicia solidaria", por iso o acto se traslada dende a súa xornada tradicional, o Día Nacional de Galicia, ao 24 de xullo, aniversario da traxedia.
Os actos das vítimas
Ese mesmo 24 de xullo, e obviamente tamén en Compostela, será cando se celebren os actos de lembranza organizados polas vítimas, que xa comunicaron a súa intención de celebrar unha misa na Catedral ás cinco da tarde e un acto en Angrois ás sete e media. "A misa na Catedral é un acto público no que non poderemos evitar que os representantes políticos estean cerca de nós", din as asociacións de vítimas nun comunicado conxunto, no que tamén "pregan encarecidamente" que estes dirixentes "se absteñan do máis mínimo achegamento á gran maioría dos prexudicados" polo accidente para evitar "situacións non desexadas". Do mesmo xeito, advirten de que o acto que se celebrará en Angrois é "particular das vítimas" e nel "negamos a asistencia de calquerea representante político que se persoe como tal e non como un máis, coa intención clara de foto propagandística, algo que non consentiremos".
As vítimas reclaman que os dirixentes políticos "se absteñan" de achegarse a elas nos actos que están a organizar para o día 24
"Respecto é o que lles pedimos eses día, xa que non nolo tiveron o resto do ano", sinalan, nun contexto no que apelan a non converter "nun circo" as súas demandas nin a propia lembranza do acontecido. "Somos os familiares de oitenta persoas mortas pola culpa da desidia duns poucos e accidentados que non nos recuperaremos na vida", evidencian, mentres seguen a esixir máis medios para a investigación xudicial, a lamentar a estratexia de Renfe e Adif ante a Xustiza -negándose a declarar, entre outros movementos- e tamén a reclamar responsabilidades políticas".
Investigación vetada en Galicia e en Madrid
Nun contexto no que a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do Ministerio de Fomento, que xa rematou o seu traballo, evidencia fallos de seguridade e coordinación e mentres comezan a operar algúns dos sinais nas vías que terían evitado o accidente -outros dispositivos seguen sen funcionar-, tanto no Parlamento de Galicia como no Congreso dos Deputados os intentos por abordar unha investigación puramente política seguen a ser vetados sistematicamente. En Madrid a negativa, protagonizada polo PP e acompañada pola abstención do PSOE, veuse xustificando polo feito de que xa funcione unha subcomisión ao respecto -a porta pechada- e pola propia investigación xudicial. No lexislativo galego os conservadores aluden, esencialmente, ás competencias cada vez que AGE e o BNG piden investigar.
O PP mantén que o Parlamento galego non ten competencias para esta investigación, contradicindo así o Regulamento da Cámara
En vésperas de que o pleno da Cámara autonómica trate por enésima vez a cuestión, desta volta a través dunha iniciativa do BNG, o PP segue a soster que o Parlamento carece de competencias e mesmo de "lexitimidade" para indagar no acontecido co Alvia en Angrois. No entanto, estas solicitudes, ante as que o PSdeG tamén se abstivo, encaixan no artigo 52.1 do Regulamento parlamentario, que faculta as deputadas e deputados para constituír unha comisión de investigación a respecto de "calquera asunto de interese público" que consideren conveniente, vía que serviu, por exemplo, para poñer en marcha a comisión sobre o accidente do Prestige malia enmarcarse, como este caso, nun ámbito de competencia estatal.