Anova abre a porta ao liderado compartido tras aprobar a proposta da dirección

Beiras, entre o público na asemblea de Anova Dominio Público @Anova_irmandade

Anova-Irmandade Nacionalista deu este sábado os primeiros pasos cara a un liderado compartido coaas primeiras votacións da súa segunda asemblea, que pretende ser a que peche o "proceso constituínte" que a formación iniciou no verán de 2012 e tras a escisión do BNG. Nun cónclave con dúas posicións claramente enfrontadas, a actual dirección impuxo a súa postura para que a asemblea tan só elixa a coordinadora nacional -o máximo órgano de decisión entre asembleas-, de modo que esta sexa a que logo escolla un voceiro ou voceiros para toda a organización, que é a proposta que defende Xosé Manuel Beiras e que foi explicitado a través dun acordo verbal nos primeiros debates.

A actual dirección impuxo a súa postura para que a asemblea elixa só a coordinadora nacional e esta o voceiro ou voceiros

Foi unha votación apertada. Con 26 votos de diferenza, o regulamento e a forma de escoller a dirección impúxose fronte ás emendas da corrente contraria á dirección, que avogaba por que fose a asemblea a que escollese o portavoz nacional, tal e como ocorreu no anterio cónclave e de onde Beiras saíu como líder. Tamén se aprobou que a elección do máximo órgano directivo se faga por listas abertas, con correccións de xénero de ser necesarias.

A tensión subiu cando pola mañá se debateu a readmisión duns vinte militantes que foran expulsados da comarca de Redondela en 2013 e que foron cualificados de "vendidos" logo de que algunhas voces apupasen a proposta. Ao final, a votación inclinouse a favor do recurso que presentaron os expulsados, con 156 votos a favor e 107 en contra, co que manterán a militancia en Anova. Foran relegados polo comité de garantías da anterior comisión permanente (o equivalente a unha dirección dun partido clásico).

Beiras abre a porta a rematar o seu "epílogo" se Anova non mantén a "congruencia" cos seus principios fundacionais

Antes do inicio da asemblea, o voceiro nacional, Xosé Manuel Beiras, abriu a porta a finalizar o que el mesmo denominou o seu "epílogo", a súa última etapa na primeira liña política, no caso de Anova non mateña tras o cónclave a "congruencia" cos seus principios fundacionais. "O que vai ser de min depende de Anova. Nunca fun caudillo nin tiven vocación. É Anova a que ten que dicir que agarda neste momento de Beiras", dixo para logo confiar no que o resultado da asemblea sexa "aberto e escrupuloso".

"De non saír un resultado que permitise a congruencia plena cos principios fundacionais de Anova, eu daría por concluída a miña etapa de epílogo", asegurou quen ver "lóxico" que o resultado da asemblea vaia na "liña" do documento parobado pola coordinadora de Anova e que pide "apoiar todas as iniciativas cidadás" para que a xente sexa "protagonista" e non se volva ás "formas obsoletas" dos partidos".

"Temos que ser congruentes", engadiu Beiras, que confía que o cónclave sirva para "rematar o proceso constituínte de Anova", polo que avoga por "superar a infancia" e incluso "difteria" sufriada polo camiño. "Non está o mundo como para non deixarnos de mirar o embigo", conlcuíu, tras rexeitar que a formación se convirta "nunha fronte de partidos", en clara alusión ao BNG e á corrente crítica interna de Cerna. 

Martiño Noriega intervén na asemblea de Anova Dominio Público @Anova_irmandade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.