Anova aposta polas mareas cidadás e por unha "marca común" que lles dea cobertura

Conferencia Municipal de Anova Dominio Público @davizcarballal

Anova pechou este sábado a súa Conferencia Política Nacional sobre as municipais e reafirmouse no seu "apoio decidido á cidadanía organizada como motor da sociedade" e, polo tanto, ás candidaturas populares que xurdan polo país. Neste contexto, malia que a formación nacionalista di que non rexeitará ningunha fórmula xurídica, "primando así o proceso de confluencia", non ve "acaída" a creación de agrupacións de electores, senón a creación de partidos a nivel local "para evitar a fragmentación política e nacional e poder dar a batalla nas deputacións cunha coalición instrumental".

Anova propón promover "con urxencia" unha "coalición instrumental nacional entre as forzas políticas máis próximas"

Alá onde non se dean candidaturas de unidade cidadá Anova seguirá apostando por estimular "a creación de frontes amplas entre o tecido social e as forzas políticas do espazo de ruptura". Así, a formación propón promover "con urxencia" unha "coalición instrumental a nivel nacional entre as forzas políticas máis próximas, co obxectivo de crear unha cobertura versátil e cómoda que permita que xurdan e callen alternativas municipais no ámbito da esquerda alternativa en todos os concellos e así darlles cobertura xurídica".

Tal e como aclara Anova nun comunicado, trataríase de "crear unha marca común, facilitando un soporte xurídico que poderían empregar todas as candidaturas que o desexen, baixo un programa de mínimos e un código ético". "As localidades terían, por suposto, total autonomía para a toma de decisións de escolla de candidaturas e elaboración de programas concretos, pero o feito de concorrer baixo un símbolo e unha referencia común no nome permitiría unha lectura unitaria no país e unha visión de alternativa política conxunta, amais de dar a batalla polas deputacións", explican.

A formación pretende unha "marca común" como soporte xurídico para todas as candidaturas baixo un programa de mínimos

Ademais, Anova tamén deu o seu visto e prace para que nos concellos onde non existan candidaturas cidadás nin posibilidade de constituír frontes amplas "Anova poida presentarse ás municipais coas súas propias siglas".

Ademais, a Conferencia Política serviu para definir uns principios éticos e programáticos mínimos, cos que unha comisión dedicada a xestionar o proceso das municipais a nivel nacional "definirá un programa marco e un código ético que a militancia de Anova defenderá nos espazos electorais nos que decida participar".


Xuntanza coa asemblea de Coia

Aproveitando a súa visita a Vigo, os portavoces de Anova-IN, Xosé Manuel Beiras e Martiño Noriega, acompañados do coordinador local, Chili Jacome, mantiveron unha xuntanza con representantes da Asemblea Aberta de Coia.

Anova quixo denunciar publicamente "a incomprensíbel prepotencia do alcalde, Abel Caballero, que descoida os servizos sociais e insulta de continuo á cidadanía organizada con declaracións de tinte fascista". Segundo Martiño Noriega, o alcalde "ten vocación oculta de delegado do Goberno. Emprega a policía local coma se fosen antidisturbios cando non teñen competencia para iso e, ademais, non hai disturbio ningún, senón unha situación de inxustiza social de libro”.

Martiño Noriega e Beiras, tras a Conferencia Municipal Dominio Público @Anova_irmandade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.