Anova aproba o calendario da súa Asemblea Nacional, que se celebrará o 8 e 9 de xuño

Coordinadora nacional de ANova CC-BY-SA Praza Pública

A Coordinadora nacional de Anova aprobou esta fin de semana o calendario que levará até a celebración da súa primeira Asemblea Nacional, moi agardada despois do seu éxito electoral nos comicios do 21 de outubro. Celebrarase en varias etapas: unha primeira asemblea, aberta e deliberativa, o 21 de abril, e unha segunda con carácter decisorio o 8 e 9 de xuño, con "prazos amplos que garantan un abondoso intercambio horizontal da información entre todos e todas as afiliadas e afiliados", segundo a formación. Na asemblea poderá participar con voz e voto toda a afiliación dada de alta con anterioridade ao día 11 de maio e que estean ao corrente do pago das cotas.

Celebrarase en varias etapas: unha primeira asemblea, aberta e deliberativa, o 21 de abril, e unha segunda con carácter decisorio o 8 e 9 de xuño

A Coordinadora de Anova indica que "tras dun proceso de maduración, de práctica política e aprendizaxe urxente e acelerada, vemos a necesidade de novas concrecións, actualización de estratexias e medidas de reforzo organizativo". E afirma que se agarda de Anova "novas iniciativas como a que tivemos e que deu lugar á coalición Alternativa Galega de Esquerda, para facer fronte a unha situación socio-política tan crítica como a que estamos a padecer a xente do común, a maioría social que temos que apandar cos danos dunha crise económica e política como non se tiña visto dende moitas décadas. Estar á altura destas circunstancias e deste País é o repto fundamental dos traballos desta asemblea que convocamos".

Este sábado a Coordinadora Nacional designou unha comisión redactora que poderá funcionar en subcomisións e unha mesa para moderar a reunión non decisoria da Asemblea Nacional a celebrar o 21 de abril. Esta comisión redactora disporá de 10 días para elaborar un primeiro rascuño de teses tendo en conta as achegas das asembleas e da afiliación. Este prazo rematará o día 27 de marzo, data na que se remitirá a toda a coordinadora nacional, as asembleas e ao conxunto da afiliación.

Do 27 de marzo até ao 14 de abril, debateranse as teses nas asembleas e poderanse presentar de emendas que sen excepción serán remitidas á comisión redactora

Do 27 de marzo até ao 14 de abril, debateranse as teses nas asembleas e poderanse presentar de emendas que sen excepción serán remitidas á comisión redactora. Antes do 19 de abril a comisión redactora remitirálles ás asembleas e a todas e todos os afiliados que dispoñan de enderezo de e-mail as teses con todas as emendas recibidas.

O día 21 de abril terá lugar a primeira reunión da I AN para debate. Esta sesión da AN será aberta e nela poderán participar tamén as persoas convidadas. Terá carácter deliberante. Poderá tomar a palabra na asemblea calquera persoa que o solicite persoalmente por escrito ante a mesa antes do inicio da sesión. A solicitude deberá indicar nome e apelidos da persoa que vai intervir e temática que vai tratar, en aras de ordenar o debate por bloques temáticos e repartir o tempo entre os oradores.

O domingo 9 de xuño pola mañá debateranse en pleno das teses e das emendas que tivesen pasado nalgún grupo de traballo. Pola tarde elixirase a nova Coordinadora Nacional, que escollerá o Portavoz Nacional

O 5 de maio a comisión redactora remitirá aos membros da Coordinadora a proposta de teses para valoración e eventual aprobación na reunión do 11 de maio. O día 12 de maio remitirase ás asembleas e á afiliación que ten correo electrónico a proposta de teses aprobada pola CN. Do 12 ao 20 de maio abrirase o prazo para que calquera emendante que non considere recollidas as súas emendas nas teses aprobadas pola Coordinadora Nacional, llo comunique á comisión redactora. O 25 de maio a Coordinadora Nacional ditaminará as emendas vivas podendo propoñer transacción. Na mesma reunión aprobarase o Informe de Xestión. Até o 1 de xuño estará aberto o prazo de presentación de candidaturas no formato de listas abertas (listas completas, grupos de persoas ou persoas a título individual) sempre que sexan afiliadas/os de pleno dereito e coas cotas ao día.

Os días 8 e 9 de xuño reunirase a Asemblea Nacional con carácter decisorio. O sábado a sesión comezará ás 10:30 horas e dedicarase á aprobación do Regulamento da Asemblea, ao debate en asemblea do informe de xestión da Coordinadora Nacional e ao debate das emendas vivas en grupos de traballo formados aleatoriamente entre as persoas asistentes, pasando de novo a debate en asemblea as que sexan aprobadas por maioría simple ao menos nun grupo de traballo. O domingo pola mañá debateranse en pleno das teses e das emendas que tivesen pasado nalgún grupo de traballo. Pola tarde elixirase a nova Coordinadora Nacional, que escollerá o Portavoz Nacional. O Portavoz Nacional escollido pechará a asemblea.

Coordinadora nacional de ANova CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.