Anova chama a "reforzar as mareas municipais" para "disputar a hexemonía ao bloque da dereita"

Antón Sánchez, portavoz nacional de Anova, na clausura da xornada municipal celebrada en Santiago Dominio Público Anova

O mantemento dos gobernos logrados polas mareas municipais en maio de 2015 será unha proba esencial para estas formacións, tanto nas respectivas cidades como no que atinxe ás expectativas de transcender aos atrancos internos polos que atravesa En Marea nos últimos meses. Este é o cadro no que se enmarca a convención municipal celebrada este sábado por Anova, formación que en vésperas do que se prevé como unha dura precampaña en cada concello vén de chamar a "redobrar a aposta polas mareas municipais" para, en verbas do seu portavoz nacional, Antón Sánchez, "disputar a hexemonía" ao "bloque da dereita".

Nunha xornada inaugurada polo alcalde de Santiago, Martiño Noriega, quen apelou á "xenerosidade" para "seguir construíndo unidade popular e esa república dos concellos con alternativas cohesionadas", diferentes representantes de concellos gobernados polas mareas intercambiaron experiencias en varias mesas de debate. Na sesión de clausura Sánchez puxo eses gobernos como mostra de que, di, non é certo que Alberto Núñez Feijóo "nunca foi derrotado". "Foi derrotado en maio de 2015, cando puxo todos os candidatos ás alcaldías e só lle quedou Ourense", resume.

A xuízo do tamén vicevoceiro de En Marea no Parlamento, aquela "derrota do PP deunos a lección de que hai unha potencia, un desexo de cambio" e "coñecemos o vieiro para que ese cambio sexa realidade", a "unidade con ampla base popular". Anova, afirma, "apostou" por esa "unidade" dende o inicio e debe manterse nela porque "non hai cambio posible se non traballamos dende a xenerosidade" nun momento no que, lamenta, "hai quen se resigna" a dicir que "pasou a ventá de oportunidade, acomodarse e non disputar a hexemonía ao PP". Pero esa pugna "é posible", cre.

Antón Sánchez afirma que a "unidade" das mareas con "ampla base popular" pode propiciar unha "nova primavera como a de 2015" fronte ás "forzas reaccionarias"

Os comicios de 2019, coida Antón Sánchez, serán a cita electoral na que as mareas teñan que apostar por gañar "non só ao PP, senón ao bloque conservador que se está preparando coa vella dereita do PP e a nova dereita de Ciudadanos" que, advirte, "representan os mesmos intereses". "Alberto e Albert, tanto monta, monta tanto", ironiza Sánchez nun contexto no que ve o "ataque sistemático" ás mareas municipais como a mellor mostra de que os seus gobernos "son unha ameaza política para o PP" por seren "exemplo e como se poden cambiar as cousas", pero tamén por "non vendérense aos intereses aos que está vendido Feijóo".

Estes motivos deben levar, di Sánchez, a que Anova contribúa ao reforzamento das mareas poñéndose ao "servizo de cada candidatura de unidade popular". Estas formacións, cre, poden propiciar unha "nova primavera como a de 2015, abrir un novo ciclo" no que non triunfen as "forzas reaccionarias" que "asedian" gobernos como os da Coruña ou Santiago, di, coa axuda dos "poderes fácticos" e a difusión dos "aparellos mediáticos que viven dos mesmos intereses". Só así, conclúe, caberá a posibilidade dun "proxecto nacional de transformación en Galicia".

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, no inicio da xornada Dominio Público Anova

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.