Anova confluirá en case 50 mareas cidadás de cara ás eleccións locais

Xosé Manuel Beiras, ante a prensa Dominio Público @Anova_irmandade

Anova presentará lista propia e concorrerá en solitario en dez localidades galegas -como Manzaneda, Cedeira, Poio ou Arteixo- e formará parte da maioría das 46 mareas que se impulsaron polo de agora en Galicia de cara ás eleccións municipais. Así o explicou o covoceiro de Anova, Xosé Manuel Beiras, que aclarou que a formación nacionalista terá presenza a través das mareas en localidades que supoñen arredor do "60% da poboación" galega, nun proceso que podería ampliarse até o peche defintivo das listas electorais.  

O líder de Anova asegurou tamén que a participación en frontes amplas como as mareas municipalistas é un principio "constitucional" da súa organización política e sinalou que o proceso que se está rexistrando en numerosos municipios "axústase, no seu conxunto, a aquilo que Anova pensaba que se tiña que facer".

Beiras lembra que a confluencia é un principio "constitucional" de Anova, que cre que fixo "o que tiña que facer"

Neste sentido, explicou que nos documentos fundacionais de Anova, de 2012, estableceuse entre os seus principios de política estratéxica a aposta polo protagonismo da cidadanía activa nos procesos políticos e contribuír a promocionar frontes amplas, alianzas de clase, en terminoloxía clásica, xa que "a maioría social é moi diversa", apuntou.

Xa que logo, Beiras lembrou que xa na asemblea nacional do pasado outono Anova apostou para as municipais pola constitución de alternativas políticas e electorais que xurdisen da cidadanía, "sintonizando" co que estaba a ocorrer xa nalgún municipio galego e noutros puntos do Estado, como é o caso de Barcelona coa plataforma liderada por Ada Colau. 

Así, a disposición de Anova foi inserirse nesas alternativas a través dos seus militantes, non como organización, para deixar patente a ausencia de afán por controlar ou dirixir, "nin sequera condicionar", destacou, tras insistir en que a estratexia da organización sempre foi promover os movementos de confluencia onde xurdisen, sempre que se cumprisen "dúas condicións básicas": a identidade de Galicia e o seu dereito a autodeterminación e un posicionamento de esquerda rupturista, ampliados ao tecido asociativo que exista.

Finalmente, onde non se desen esas circunstancias, Anova concorrerá en solitario, al e como se aclarou. E iso acontece nunhas dez localidades, como Manzaneda, Cedeira, Arteixo ou Poio.

Beiras cre que as vindeiras municipais deben ser "un paso cualitativo para unha quebra democrática"

Sobre Compostela Aberta, cuxa candidatura encabeza o coportavoz nacional de Anova Martiño Noriega, Xosé Manuel Beiras congratulouse de que asinasen o manifesto aredor de 1.400 persoas e votasen máis de 1.000 e destacou que a postura de Anova, que ten unha presenza "mínima" na candidatura, foi de "silencio pleno", para non interferir.

Tras reiterar que Anova é unha "exigua minoría" en Compostela Aberta, o que considera "motivo de enorme satisfacción", Xosé Manuel Beiras sostivo que as eleccións municipais de maio deben ser "un paso cualitativo para unha quebra democrática".

Preguntado sobre acordos en municipios como Santiago para constituír gobernos de esquerda, opinou que sería "un paso adiante", pero agregou que non podían ser unha "repartición de butacas", como o denominado Pacto dos Tilos ou o que deu lugar ao Goberno bipartito anterior ao actual do PP, senón "acordos programáticos" centrados en "eixos cardinais" das políticas a desenvolver por unha "alternativa rotunda".

O líder de Anova rexeita as acusacións do PP, que cualifica as mareas de marca branca de AGE: "Son imbéciles ou non saben ler"

Sobre a opinión do portavoz do PPdeG, Miguel Tellado, de que as mareas son a marca branca de AGE, o portavoz de Anova respondeu que "son imbéciles ou non saben ler" e non descartou tamén a posibilidade de que o PP estea tan distanciado da cidadanía que non sabe o que pensa esta. Por iso, confiou en que "o de Andalucía non sexa máis que o prólogo do que lles acontecerá, multiplicado por dez, de aquí a final de ano".

Pola súa banda, o coordinador de Anova, Antón Sánchez, insistiu na aposta da súa organización pola unidade, que é -dixo- "o que demanda a cidadanía en momentos de emerxencia social".

Xosé Manuel Beiras, ante a prensa Dominio Público @Anova_irmandade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.