ANOVA decide o que quere ser

Coordinadora nacional de ANova CC-BY-SA Praza Pública

ANOVA celebra este domingo a partir das dez da mañá no Pazo de Congresos de Compostela a primeira parte da súa Asemblea Nacional, que se completará en xuño. Esta sesión, que será aberta e deliberativa, afondará nas cuestións organizativas, de definición ideolóxica e de estratexia que as asembleas comarcais levan semanas debatendo. Servirá de anticipo á segunda parte, máis convencional e con carácter decisorio, que terá lugar o o 8 e 9 de xuño e na que un milleiro de militantes escollerán a Coordinadora Nacional e o Portavoz Nacional da formación. En calquera caso esta asemblea será meramente deliberativa e servirá para "fixar posicións", en palabras de Martiño Noriega, que cre que permitirá ter "un debate tranquilo e san sen a presión de adoptar decisións, que xa se adoptarán máis adiante".

Na asemblea deste domingo, ademais, poderá tomar a palabra calquera persoa que o solicite persoalmente por escrito ante a mesa antes do inicio da sesión

Hai unhas semanas a Coordinadora Nacional designou unha comisión redactora para elaborar un primeiro rascuño de teses. Estas teses foron debatidas nas asembleas locais e comarcais, onde se presentaron ducias de emendas que foron remitidas á comisión redactora. Algunhas comarcas remitiron textos conxuntos e consensuados, e noutras optouse por debater todas as cuestións e non elaborar un documento final. En calquera caso as comarcas  non serviron de barreira: unha emenda presentada nunha comarca e que non contou cun apoio maioritario non decae senón que se pode volver presentar na asemblea nacional. 

Na asemblea deste domingo, ademais, poderá tomar a palabra calquera persoa que o solicite persoalmente por escrito ante a mesa antes do inicio da sesión. A solicitude deberá indicar nome e apelidos da persoa que vai intervir e temática que vai tratar, en aras de ordenar o debate por bloques temáticos e repartir o tempo entre os oradores. Todos estes debates e emendas conformarán en maio unha nova proposta de teses que volverá ser debatida e á que os militantes poderán realizar novas emendas. En paralelo, até o 1 de xuño estará aberto o prazo de presentación de candidaturas no formato de listas abertas (listas completas, grupos de persoas ou persoas a título individual).

 

Nove meses

Anova Irmandade Nacionalista naceu hai nove meses. Un tempo moi curto no que tivo que conformar o seu ideario e estruturas de xeito moi acelerado, obrigado polos tempos políticos, creou con Esquerda Unida a coalición electoral AGE e tivo que facer fronte a unhas eleccións e a unha intensa actividade parlamentaria. Moitos retos superados con éxito. Agora chega outro: o camiño cara á súa primeira Asemblea, na que debe definir a súa estrutura, ideoloxía e estratexia. 

Para Mario López Rico "esta asemblea permitirá pechar algunhas cuestións que por mor dos tempos non se puideron facer antes"

“Anova demostrou unha capacidade operativa de primeiro nivel e demostrouse que a súa formación foi un acerto. O proceso de construción de Anova foi moi participado e fíxose de abaixo a arriba. Foi moi aberto e moi inclusivo", destaca Mario López Rico, que engade que "esta asemblea permitirá pechar algunhas cuestións que por mor dos tempos non se puideron facer antes. Debemos completar a implantación en todo o pais, dotarnos de instrumentos e incrementar a relación entre nós. A partir de xuño hai que seguir traballando porque hai posibilidades de que haxa unha creba democrática e hai que traballar por ela. Anova debe ser o que sempre quixemos que fora: un instrumento ao servizo da maioría social galega". Para López Rico, Anova "necesita un reforzo e consolidación. Pero tampouco require grandes cambios con respecto ao pacto constituínte".

Noriega: "o debate está sendo rico e agardo que esta asemblea sexa construtiva e afondemos na cuestión de que modelo de organización queremos para Anova e sobre todo para interaccionar co conxunto da sociedade galega"

De igual xeito, Martiño Noriega opina que "Anova ten unha gran potencialidade e debemos ser conscientes da responsabilidade histórica que temos". O alcalde de Teo destaca que "o debate está sendo rico e agardo que esta asemblea sexa construtiva e afondemos na cuestión de que modelo de organización queremos para Anova e sobre todo para interaccionar co conxunto da sociedade galega. O proceso é suficientemente garantista para que se poidan dar todos estes debates". Á vista das emendas que se foron presentando Noriega salienta que "non vexo posicións antitéticas pero si hai posicións diferentes e matices". 

 

"Este tempo serviu para probar xeitos de organización novos”

Xabier Xil Xardón, voceiro local de Anova en Vigo, destaca que estes nove meses "serviron para probar xeitos de organización novos”. Explica que "da asemblea constituínte saíuse sen nada escrito en canto á forma de organización. Deixouse aberto a que probásemos. Había que inventar todo. E o que fixemos foi crer realmente no tema do horizontalismo: que a asemblea ten a soberanía toda e escolle unha coordinadora local que coordina e non executa". En Vigo, conta, "a asemblea marca a liña, a coordinadora coordina e os grupos de traballo executan. E isto compleméntase cos comités de barrio que son autónomos. Estes nove meses non permitiron facer todo o que tiñamos pensado, pero serviron para comezar este traballo e tecer redes", di.

Xil Xardón destaca que "conseguimos que entrase a militar xente que levaba moitos anos sen facelo e tamén moita xente que non militara nunca"

Xil Xardón destaca igualmente que "conseguimos que entrase a militar xente que levaba moitos anos sen facelo e tamén moita xente que non militara nunca". En canto aos movementos sociais "hai moitos activistas que entraron en Anova" pero salienta que "o máis importante é que aquí en Vigo comezou a facerse un traballo moi intenso de achegamento a estes colectivos e sentimos unha gran receptividade cara a AGE pero en concreto cara Anova. Colectivos que nos dixeron: dámosvos un voto de confianza e cremos que as vosas intencións son sinceras”. AGE realizou en Vigo unha asemblea de colectivos sociais cumprindo unha promesa electoral. "Foi un éxito, acudiu moita xente e de inmediato puxémonos a traballar. O obxectivo era que AGE servise como instrumento político destes colectivos", di Xil Xardón.

 

"Unha nova cultura política"

"O reto desta asemblea é sentar as bases do que sexa Anova: se acaba sendo a organización aberta e diferente que di ser ou queda nunha simple cuestión cosmética e nunha organización máis homologable ao xa existente”

Entre a base militantes de Anova, como destacaba Martiño Noriega, non hai "posicións antitéticas pero si posicións diferentes". Se cadra non tanto a nivel ideolóxico, onde se comparte un mínimo común, e si máis en canto á estratexia política e en canto ao modelo organizativo e de relación coa sociedade de Anova. "Nos grandes temas hai un nivel de acordo importante entre as forzas de esquerda. A cuestións é como nos organizamos", di David Rodríguez, que engade que “potencialmente todo pinta ben pero está todo por construír. Polo de agora Anova aínda non é o que quere ser". Para Rodríguez, "o reto desta asemblea é sentar as bases do que sexa Anova: se acaba sendo a organización aberta e diferente que di ser ou queda nunha simple cuestión cosmética e nunha organización máis homologable ao xa existente”.

Para David Rodríguez, “hai algúns debates que na miña opinión son vellos: aqueles que establecen unha fenda entre os socialdemócratas versus os comunistas. O debate que hai que dar non é tanto a repetición destas culturas socialdemócratas ou comunistas, que comparten un modelo de partido xerárquico, pechado e de vangarda. E en cambio hai que facer fincapé na democracia radical e na configuración dunha organización aberta horizontal e participativa". Xil Xardón tamén aposta por conformar unha organización "radicalmente distinta" na súa estrutura e funcionamento e conclúe que “da forma vaiche saír o fondo”.

Xil Xardón tamén aposta por conformar unha organización "radicalmente distinta" na súa estrutura e funcionamento e conclúe que “da forma vaiche saír o fondo”

Neste senso Martiño Noriega afirma que "estamos facendo esforzos para que Anova sexa unha organización radicalmente diferente ás preexistentes sen perder as súas características, tanto como forza de esquerda como no aspecto identitario". Hai unhas semanas Noriega facíalle unha esixencia a Anova no seu proceso de constitucion: "As organizacións teñen que ser operativas, pero teñen que selo de abaixo a arriba e non de arriba a abaixo. Son momentos dunha nova cultura política e de liderados compartidos. Se esta organización non traballa con esta nova cultura política eu non vou estar. Eu creo no proxecto de Anova. Pero a miña participación en primeira fila vai depender de se cumpran eses parámetros e que Anova sexa diferente dos outros partidos”.

Coordinadora nacional de ANova CC-BY-SA Praza Pública
Beiras e Martiño Noriega, na manfestación de Queremos Galego Dominio Público @Anova_irmandade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.