Anova decidirá este domingo como participará nas eleccións

Vista do acto de Anova CC-BY-SA Praza Pública

A Permanente de Anova decidiu a convocatoria da súa Coordinadora Nacional, que se celebrará en Santiago este domingo. Previamente, dende o xoves até o sábado, haberá asembleas locais e comarcais, que irán perfilando a decisión final.

As asembleas e a Coordinadora decidirán a forma en que Anova participa nas eleccións do 21 de outubro, se o fai en soltario, se apoia a outra formación ou se se integra nunha "fronte electoral popular ampla", como xa propuxo a Coordinadora na súa xuntanza do 4 de agosto.

A formación está dividida entre a opción de presentarse con Compromiso por Galicia ou facelo con Esquerda Unida. En calquera caso, Compromiso clarificará a súa fórmula electoral no seu Consello Nacional, que se celebrará este sábado en Compostela, e que convocará primarias (aínda que sexa cun mecanismo acelerado e reducido, dada a limitación de prazos) para a eleccións dos seus candidatos aos comicios de outubro. A fórmula das primarias, de calquera xeito, non pecha as portas a que sexan elixidos candidatos de partidos que non están integrados en CxG, polo que poderían participar persoas procedentes de Anova, por exemplo.

Vista do acto de Anova CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.