Antón Losada: "Os piratas que atacan o Estado de benestar teñen un obxectivo claro, os que o defenden, non"

Antón Losada © Xurxo Lobato

Cre que "estamos ante unha enorme ofensiva contra o Estado de benestar". Por iso, o profesor da Universidade de Santiago de Compostela, politólogo, comentarista e analista político, Antón Losada, escribiu o libro Piratas de lo público, unha defensa aberta e sen complexos do sistema público español. Pero non só iso, porque nesta obra, que sairá á venda o próximo día 14 baixo o selo de Edicións Deusto, Losada realiza "un rastrexo das persoas que mandan na área económica", para destapar de onde vén e que é o que pretenden. E advírtenos, tamén, dos perigos que do neoliberalismo corsario que, famento de novas privatizacións, pon sobre a mesa unha infinidade de argumentos "falsos" para convencernos de que o público xa non vale.

Tratemos de desmontar ou confirmar unha dogma moitas veces repetido, vivimos por riba das nosas posibilidades?

Non. Algúns viviron por riba das súas posibilidades e á marxe da lei, pero nin España nin moitos españois o fixeron. En termos de gasto público estabamos por baixo da media de todos eses países cos que tanto nos gusta compararnos, como Alemaña, Francia ou Italia, a pesar de que non gastamos o mesmo en case nada e esperamos obter os mesmos resultados. España era un país bastante aseado en termos de gasto público e recadación cando arrinca a crise. Máis da metade do endebedamento do que tanto se fala é, principalmente, das grandes corporacións. A débeda pública apenas é unha cuarta parte do total. Ou era a cuarta parte cando comezou a crise, porque agora creceu ao asumir o Estado parte desa débeda privada.

"Tomouse a decisión política de que o Estado asumise os erros cometidos por decisións privadas, con recortes tremendos en sanidade, en educación e en pensións"

Saíu o público ao rescate do privado?

Tomouse a decisión política de que o Estado asumise os erros cometidos por decisións privadas, con recortes tremendos en sanidade, en educación e en pensións. Asumimos que imos pagar a enorme bóla de débeda privada de 1,7 billóns de euros das grandes empresas. Á nosa banca, que tantas leccións nos dá, e ás nosas grandes empresas no ano 2008 os mercados pecháronlles o financiamento. Non ao Estado español, senón á banca. Pero o Estado pensa e asumir esa débeda. E os mercados pensan que Estado español se endebedede maneira masiva para asumir esa débeda e préstannos a un interese moito máis caro. Por iso sobe a prima de risco e pasamos a tempestade que pasamos. É como cando teu pai te avala para comprar un piso. Se es irresponsable e non pagas, paga teu pai. Pois nós convertémonos nos pais do Botín, dos Francisco González, dos César Alierta, dos Rivero...

"Hai moitos 'burócratas corsarios', persoas que se forman na Administración e grazas ao seu paso por ela, dan o salto á empresa privada e volven ao público para desmontalo"

Iso débese á tecnoestructura público/privada que explica no libro?

Manexo o concepto de burócrata corsario, unha persoa que se forma na Administración. Grazas ao seu paso por ela, dá o salto á empresa privada. Despois, volve ao sector público cun obxectivo moi claro: desmontalo e transferir parte do negocio ao sector privado. Xa pasou nos 90, cunha gran crise, unha taxa de paro insoportable e un déficit altísimo. Ese escenario foi aproveitado para desmontar o sector industrial público. Son exemplos claros das privatizacións do noventa, Josep Piqué, que viña de La Caixa, unha das grandes beneficiarias, Francisco González, un burócrata posto polo Goberno á fronte da banca pública que acaba convertido en empresario da banca privada, Miguel Pizarro, ou Miguel Blesa, aos que todos coñecemos. Agora queren facer o mesmo cos sectores emerxentes do século XXI: a sanidade, a educación e as pensións.

Estamos ante o final de Estado de benestar tal e como o coñecemos?

Non. Eu creo que estamos ante unha enorme ofensiva contra o Estado de benestar. Hai un intento moi claro por que boa parte dos recursos nos que agora mesmo investimos -reivindico deixar de falar de gasto, porque a linguaxe non é inocente- se dualicen. Que haxa unha rede pública, basicamente asistencial, para as persoas que non poidan pagar e outra, semipública, á que accedan as persoas que si teñan capacidade. As empresas que asuman eses servizos farán negocio seguro porque, se teñen que ter un mínimo de facturación e non factura, compra o Estado para que o faga. Pero se profundas un pouco nos datos reais e a valoración cidadá, daste de conta de que o Estado de benestar permanece solidamente asentado na percepción dunha gran maioría. Estamos ante unha guerra que acaba de empezar e cuxo resultado final non está escrito.

Quen vai liderar ese contraataque?

Esa é a incógnita que hai que despexar. A socialdemocracia quedou completamente desconcertada, mentres o neoliberalismo corsario pensa mellor e moito máis rápido como aproveitar as oportunidades que lles expoñen a globalización e o desequilibrio entre o poder regulador do Estado e os mercados. Os piratas que atacan o Estado de benestar teñen un obxectivo e un discurso claro, mentres que quen o defendemos, non. Así, aceptamos como bo o discurso ideoloxizado e manipulado que se nos ofrece sen percibir que haxa unha alternativa. Ese é o problema do PSOE en España e da esquerda en Europa. O seu único camiño é expor un programa alternativo, sen medo e sen complexos de defensa do público.

"A demonización do traballador é fundamental para acabar con todo"

Con todo, dá a sensación de que, desde certos sectores, preténdese demonizar o parado, o inmigrante, a quen non ten recursos.

Si, pero sen ningún dato. Toda esta demonización, que é o realmente paradoxal, baséase en nada. No libro poño varios exemplos de manipulación, de utilización de anécdotas para convertelas en categorías. Ese é o discurso que encaixa no obxectivo de desmontar os servizos públicos. Non podes facelo se asumes que hai moita xente que pode pagar impostos e non a paga, que deixamos de recadar 30.000 millóns de euros ao ano. A demonización do traballador é un elemento fundamental para acabar con todo, cando o problema é que o 70% da fraude concéntrase nas grandes empresas e nos patrimonios.

Privatizaron González, Aznar, Zapatero, Rajoy, o de vender recursos para sanear as contas funciona ou é unha cuestión ideolóxica?

Fixérono dunha maneira diferente. Eu critico todos os procesos de privatización, pero hai matices. Coas de Felipe González, en todas as dos socialistas, sempre se mantivo unha presenza potente do sector público. Aznar, a dereita, o que fixo foi privatizar totalmente empresas críticas, algo que non fixo ninguén en Europa. Desde a ultraliberal Inglaterra á admirada Angela Merkel mantiveron participacións significativas en empresas críticas para o funcionamento do Estado e a economía.

Por que en España se renunciou a iso?

Primeiro, por unha razón ideolóxica. Tanto os Gobernos de Aznar como o de Rajoy cren firmemente que o Estado non debe intervir na economía. E, despois, por un argumento económico, que se trataba de transferir por completo a propiedade de empresas públicas a mans privadas amigas, previamente seleccionadas nos despachos. Se o obxectivo fose realmente arranxar as contas públicas vendendo patrimonio, sairían a bolsa, onde se poden obter grandes beneficios por empresas que teñen gran potencial de futuro.

Melloraron os sectores nos que se moven as empresas privatizadas?

Empeoraron. No libro fago un exame bastante documentado e detallado sobre cales foron os resultados reais das privatizacións. Temos os servizos e produtos máis caros de Europa. Somos os clientes máis indefensos, e iso sábeo calquera que tentase entender a súa factura da luz, do gas, ou cambiar de compañía telefónica. O investimento en innovación, lonxe de aumentar, como se argumentaba que faría, reduciuse. A corrupción e a fraude creceron. E eu creo que existe unha conexión entre a crise e o proceso de privatización, porque o Estado, ao perder o seu poder de intervención sobre empresas críticas, viu limitada a súa capacidade de resposta. Non somos clientes, somos reféns.

A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia vai ser a solución aos oligopolios resultantes das privatizacións?

Absolutamente todo o contrario. Nun mundo de mercados cada vez máis especializados, tecnificados e complexos, en lugar de concentralo todo nun gran superregulador, como o chama o Goberno, que non ten a capacidade nin os recursos para vixiar o funcionamento dos mercados, o que está a facer todo o mundo é diversificar e crear mecanismos especializados. Ademais, aquí xa nace controlada polas grandes empresas. Aí está o problema cos nomeamentos, coa sobriña de De Guindos, a parente de Cañete ou o propio presidente, que está vinculado con sectores empresariais.

"España é rico dabondo como para ter un Estado de benestar que produza servizos universais e de calidade para todos en educación, sanidade, pensións e dependencia"

No libro recolle unhas declaracións de Rajoy: "Teremos o Estado de benestar que poidamos permitirnos". Que Estado de benestar podemos permitirnos?

O Estado de benestar que podemos permitirnos é o que tiñamos e o que podemos chegar a ter. España é un país o suficientemente rico como para ter un Estado de benestar que produza servizos universais e de calidade para todos en educación, sanidade, pensións e dependencia. Á frase de Rajoy fáltalle un matiz: teremos o Estado de benestar que poidamos pagar. E o problema é que en España hai moita xente que non quere pagar e ten moitos recursos para evitalo.

Estamos a vivir reformas, privatizacións e recortes en educación, sanidade, xustiza, pensións, dependencia? Hai algo que se salve?

Si. O recorte non é, como se nos tentou vender, xeneralizado, senón extraordinariamente selectivo. No ano 2013, o ministerio que máis crece é o de Economía e Competitividade, o que xestiona a maioría de subvencións a empresas. O gasto en mantemento de orde pública aumentou. O recorte prodúcese en investimento social; en subvencións a grandes empresas e orde pública, non.

Antón Losada © Xurxo Lobato

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.