Área Metropolitana, mobilidade e fachada marítima, eixos do Goberno da Coruña ata 2019

Xulio Ferreiro presentando o acto de 'Coruña Próxima' © Concello da Coruña

O Goberno municipal da Coruña presentou este luns a súa carta de navegación para os dous vindeiros anos. No acto Coruña Próxima, celebrado no Teatro Rosalía de Castro, o alcalde Xulio Ferreiro e os concelleiros e concelleiras do Executivo local debullaron os principais proxectos que se levarán a cabo na segunda metade da lexislatura, unhas medidas que se articulan ao redor da defensa do "próximo", a política social, o medio ambiente ou a participación. O Goberno local fixa, sobre todo, tres grandes obxectivos para os vindeiros meses: a Área Metropolitana, a mobilidade e a defensa da xestión pública dos terreos portuarios, tres asuntos que definen o modelo de cidade que a Marea quere propoñer e que poden marcar o futuro da Coruña para as vindeiras décadas, segundo destacou Ferreiro.

Fíxose fincapé na defensa do próximo: "Aprendemos a importancia da proximidade dos coidados, a necesidade de articular o barrio como a referencia inmediata de todas as persoas ou de dotar o espazo público de calidade”

No acto fíxose fincapé nesa defensa do próximo, da proximidade, un concepto e un conxunto de valores que marcarán as políticas do Executivo: "Nestes case dous anos á fronte do Concello aprendemos a importancia da cercanía dos coidados, a necesidade de articular o barrio como a referencia inmediata de todas as persoas ou de dotar o espazo público de calidade”. “O noso obxectivo, cando falamos de modelo de cidade, é acadar o dificilísimo equilibrio entre saber escoitar á xente e ser capaz de interpretala, e interpretar as potencias do espazo e do tempo no que esa xente quere vivir e ter o valor de escoller”, explicou o rexedor.

A presentación desta carta de navegación chega, destacou Ferreiro, nun momento en que “por primeira vez dende que estamos no Goberno imos poder traballar cuns orzamentos que están deseñados por nós"

A presentación desta carta de navegación chega, destacou Ferreiro, nun momento en que “por primeira vez dende que estamos no Goberno imos poder traballar cuns orzamentos que están deseñados por nós", toda vez que as conta para este exercicio están aprobadas en fase inicial. "Será unha oportunidade para que as nosas políticas "se proxecten na rúa". "O Goberno que presido leva dous anos dándolle forma a unha cidade de proximidade, unha cidade que coida das persoas, unha cidade para vivir, sen verteduras contaminantes, sen herbicidas tóxicos e sen pelotazos urbanísticos. Unha cidade onde os impostos se reparten de forma máis xusta", salientou Ferreiro, dando paso aos e ás responsables de cada unha das áreas de Goberno, que foron explicando os proxectos que porán en marcha nos vindeiros meses.

Ferreiro detívose en tres grandes asuntos (área metropolitana, mobilidade e borde litoral), para os que pediu "un pacto de cidade"

No remate do acto, Ferreiro detívose neses tres grandes asuntos (área metropolitana, mobilidade e borde litoral), para os que o alcalde pediu "un pacto de cidade". “O noso desexo é que o proxecto de Área Metropolitana sexa consensuado coa veciñanza, xa que ten que ser o resultado dun pacto social entre a veciñanza dos concellos que conformarán esa área”, sinalou, destacando que "na Coruña tivemos durante anos, por desgraza, certa sona de ensimesmamento, de illamento. Pero se A Coruña quere liderar, ten que facelo contando cos demais e tendo unha relación de proximidade con ese fóra".

O porto é "un lugar para amosar a cidade que queremos para as vindeiras décadas"

De igual xeito, o alcalde cualificou a decisión sobre o destino dos terreos portuarios como "o asunto máis importante que neste momento temos entre mans, que vai marcar o devir da cidade non só neste mandato e no próximo, senón seguramente por décadas". O rexedor reiterou o seu obxectivo de modificar o convenio de 2004, que prevé a construción de catro mil vivendas, grandes zonas comerciais e hoteleiras e edificios de alturas en primeira liña de costa. "Hai un consenso na Coruña en que este non é o convenio acaido para 2017. Temos que conseguir un acordo de cidade para que a xestión deses terreos sexa pública. Temos que evitar a especulación, non creo que teñamos que ver ese lugar fundamental da cidade como un lugar para comerciar, para sacar diñeiro. Temos que rescatar a nosa cidade da hipoteca que supoñen os convenios urbanísticos de 2004", dixo. "Temos que buscar solucións para o financiamento do Porto Exterior, pero non podemos hipotecar toda a cidade, nin o futuro dos barrios dos Castros e A Gaiteira nin do tecido comercial existente", engadiu. 

"Se damos os pasos no mal camiño poden hipotecar o futuro da cidade para varias xeracións", advertiu

"Ese lugar é un espazo de oportunidade, un lugar para amosar a cidade que queremos para as vindeiras décadas. Pode permitir abrir a cidade ao mar, gañar espazo público e espazo de lecer, pode mellorar a comunicación ferroviaria grazas á utilización da estación de San Diego e, ao tempo, conseguir que o Porto siga sendo un pulmón económico para a cidade, con outras actividades", dixo. Ferreiro concluíu dicindo que "os pasos que demos nestes meses van ser determinantes para definir A Coruña das vindeiras décadas" e advertindo de que "se damos os pasos no mal camiño poden hipotecar o futuro da cidade para varias xeracións".

 

Xulio Ferreiro presentando o acto de 'Coruña Próxima' © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.