Arrinca a precampaña das municipais: O BNG presenta os candidatos e candidatas nas sete cidades

Intervención de Ana Pontón no Consello Nacional do BNG, celebrado este sábado © BNG

O BNG proclamou este sábado os seus candidatos e candidatas para as eleccións municipais do vindeiro mes de maio nas sete cidades galegas. Francisco Jorquera pola Coruña, Iván Rivas por Ferrol, Goretti Sanmartin por Santiago, Ruben Arroxo por Lugo, Luis Seara por Ourense, Xavier Pérez Igrexas por Vigo e Miguel Anxo Fernández Lores por Pontevedra encabezarán as listas da formación nacionalista. No Consello Nacional celebrado este sábado e que supón o inicio da precampaña dos comicios municipais de 2019, a portavoz Ana Pontón salientou que "todas estas persoas non foron escollidas por ningún dedazo", senón como "resultado dun proceso asembleario onde é a militancia quen decide".

Francisco Jorquera pola Coruña, Iván Rivas por Ferrol, Goretti Sanmartin por Santiago, Ruben Arroxo por Lugo, Luis Seara por Ourense, Xavier Pérez Igrexas por Vigo e Miguel Anxo Fernández Lores por Pontevedra encabezarán as listas

Para Pontón, "as eleccións locais son o primeiro paso para o cambio político que Galiza precisa e que aspiramos a liderar". A portavoz nacional do BNG afirmou que "a fortaleza do BNG son os nosos gobernos municipais cun proxecto propio para Galiza” e fixo especial fincapé na xestión realizada en Pontevedra, da que destacou que se trata dunha “cidade referente internacional cun modelo propio” que "mellorou a calidade de vida, reduciu a mortalidade por atropelos, reduciu as emisións contaminantes, apostou polo comercio local e pola nosa cultura e identidade”. Pola contra, Pontón puxo como exemplos negativos a Ourense, "incapaz de aprobar os orzamentos municipais" e Vigo, caracterizada polo "despilfarro en luces para tapar a falta dun proxecto político para esa cidade".

Pontón reclamou “unha axenda galega que sitúe no mapa a Galiza e fronte a irrelevancia política a que nos conducen as forzas estatais, incapaces de ter un proxecto propio de país porque mentres nos teñen entretidas con másteres, plaxios e demais corruptelas"

“Queremos concellos que ofrezan alternativas propias, centradas na nosa realidade, que reforcen a nosa identidade e autoestima como galegas e galegos. Concellos onde o galego e a nosa cultura sexa defendida e apoiada. Queremos concellos comprometidos co público, que garantan a boa xestión da cada euro que sae do peto das cidadás, e que non despilfarren en obras megalómanas e erradiquen calquera tipo de favoritismo”, afirmou Pontón. "Queremos concellos onde a igualdade de xénero sexa elemento transversal das políticas públicas, concellos que melloren a vida das veciñas e veciños con servizos públicos, con calidade urbana, apostando por recuperar o espazo público para as persoas e superando a vella concepción das cidades como almacén de coches", engadiu.

Na súa intervención Pontón reclamou “unha axenda galega que sitúe no mapa a Galiza e fronte a irrelevancia política a que nos conducen as forzas estatais, incapaces de ter un proxecto propio de país porque mentres nos teñen entretidas con másteres, plaxios e demais corruptelas". Pontos propuxo "rebaixar o prezo da luz cunha tarifa propia,  unha AP-9 libre da estafa das peaxes, poñer fin á ilegal e inmoral prórroga de Ence" ou 2unha Facenda propia que nos permita ter unha fiscalidade xusta".

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.