Arxentina homenaxea a Paco Lores no seu cabodano: "Unha figura incomparable da emigración"

Homenaxe a Francisco Lores en Bos Aires © FAGRA

A emigración homenaxeou esta fin de semana a Francisco Lores no seu cabodano. Unha das figuras máis importantes e relevante da colectividade galega na Arxentina faleceu o 14 setembro de 2017 e este pasado sábado autoridades políticas e persoeiros da cultura ou da defensa dos dereitos humanos lembraron o que fora presidente da Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina (FAGRA). 

Precisamente, a FAGA destaca a "emoción" do acto celebrado no Teatro Bambalinas de Bos Aires na que os presentes e outros que enviaron mensaxes desde Galicia homenaxearon "unha figura incomparable da colectividade galega", un home do que destacaban a súa belixerancia "contra os que utilizaban a galeguidade, a política e a súa posición en beneficio propio en lugar de axudar a sociedade". 

Persoeiros da cultura e da política arxentina e galega homenaxearon "unha figura incomparable da colectividade galega" 

O acto contou con actuacións musicais ou un vídeo autobiográfico de Paco Lores. O actual presidente de FAGRA, Diego Martínez, lembrou a quen "nunca perdeu os seus principios" e destacou algúns dos logros obtidos polas loitas lideradas ou impulsadas por el, como as marchas para reclamar a instauración das pensións non contributivoas para os que se atopaban en situacións complicadas. "A ministra de Traballo española anunciou a semana pasada que os españois ían poder cobrar de novo as súas pensións na moeda que lles corresponde. Foi Francisco Lores quen logrou que se cobrasen estas pensións", dixo. 

Pérez Esquivel, Nora Cortiñas, Beiras ou Víctor Freixanes lembraron a figura de Lores no acto deste sábado

Entre as mensaxes enviadas destacaron as do premio Nobel da Paz, Adolfo Pérez Esquivel, ou a da integrante das Madres de la Plaza de Mayo, Nora Cortiñas. Tamén se leu unha cara remitida polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e houbo palabras de Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega; María Xosé Porteiro, Xosé Manuel Beirs ou Luis González Tosar. Tamén de persoeiros da política e da cultura arxentina, que destacaron un home "leal, loitador, bo e xeneroso". 

Lorena Lores, filla de Francisco e secretaria xeral da FAGRA, interpretou o tango Balda para mi muerte e destacou o "amor" que seu pai sentía pola FAGRA como "refuxio da intelectualidade e a cutlura galega na época da ditadura franquista". Ademais, anunciouse que o Museo da Emigración Galega na Arxentina (MEGA) vén de ser rebautizado co nome de Paco Lores, o seu fundador. 

Homenaxe a Francisco Lores / © Federación de Asociacións Galegas da Arxentina

Figura clave da emigración galega

Lores chegou a Arxentina en 1952 e sendo moi novo trabou amizade con Arturo Cuadrado, Lorenzo Varela ou Luís Seoane. Dende os anos 90 significouse en numerosas loitas a prol dos dereitos da colectividade galega no país, tanto en reivindicación de pensións dignas, da posibilidade de votar nas sedes consulares para evitar a fraude. En 1995 elevou estas demandas, como responsable do Consello de Residentes Españois (CRE), tanto ao rei Juan Carlos como ao daquela xefe do Goberno español, Felipe González. Dous anos máis tarde fixo o mesmo ante José María Aznar nunha visita deste á Arxentina.

Lores significouse en numerosas loitas a prol dos dereitos da colectividade galega na Arxentina

Lores defendeu tamén a causa dos Netos, que reclamaban a posibilidade de obter nun plano de igualdade a nacionalidade española, que nese entón tiña varias limitacións. E loitou a favor do voto emigrante sen restricións para todos os galegos e galegas da diáspora.

Foi igualmente unha figura clave para a creación da Federación Unión de Asociacións Galegas da República Arxentina (FUAGRA), hai xa case tres décadas. Durante a súa xestión á fronte da Federación creou, en 2005, o Museo da Emigración Galega na Arxentina (MEGA), e máis adiante a Biblioteca Galega de Bos Aires Antonio Pérez-Prado.

Así mesmo impulsou dende a Federación dúas querelas contra o Exército Arxentino pola desaparición de numerosos cidadáns españois e de orixe galega, durante a última ditadura arxentina (1976-1983).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.