Concentracións parcelarias pendentes de rematar 30 anos despois: o PSdeG reclama á Xunta máis axilidade

Por toda Galicia hai concentracións parcelarias iniciadas hai máis de 30 anos pero pendentes de rematar CC-BY-SA Praza Pública - Xunta de Galicia

Os socialistas sinalan un caso de Cartelle con máis dun milleiro de propietarios afectados, pero por todo o país hai procesos iniciados hai décadas nos que aínda non se entregaron os novos títulos de propiedade

No Salnés, A Limia, a Costa da Morte e outros varios puntos do país hai procesos de concentración parcelaria iniciados hai máis de tres décadas nos que os propietarios aínda teñen pendente recibir os seus novos títulos de propiedade. É o que pasa tamén en Cartelle, onde o PSdeG puxo o foco este xoves para denunciar que 1.200 veciños e veciñas están "abandonados pola Xunta" e agardan polos seus títulos máis de 30 anos despois de iniciarse alí o proceso de concentración de terras. 

A deputada do PSdeG Carmen Rodríguez Dacosta cualifica de "inescusable" a demora da Xunta en culminar a concentración parcelaria en Cartelle, iniciado en 1993 e onde os traballos técnicos "xa estaban rematados no ano 2007". Pero os propietarios "seguen á espera de que a Xunta lles entregue os seus títulos". 

Concentracións parcelarias rematadas e en proceso CC-BY-SA Praza Pública

Para a socialista, o que alí ocorre é "unha mostra máis da falta de xestión da Xunta do PP á hora de combater o abandono do rural". E lembra que hai tres anos, en abril de 2021, os tres grupos da comisión de Agricultura do Parlamento aprobaron unha iniciativa dos socialistas que se instaba ao Goberno galego a entregar de xeito inmediato os anteditos títulos de propiedade. "Pero a día de hoxe o Executivo de Rueda non deu un só paso para solucionar o problema nun concello que ten arredor do 90 % da súa superficie dentro da concentración parcelaria", lamenta.

O PSdeG advirte de que "o mal estado no que se atopan as pistas do terreo concentrado implica risco de incendios"

Segundo a socialista, a demora "está a provocar graves problemas aos propietarios e propietarias, que, ao non dispor dunha escritura dos terreos, débense desprazar ás oficinas agrarias en busca de certificacións cada vez que precisan realizar calquera trámite relacionado coas súas parcelas". Rodríguez Dacosta tamén advirte de que "o mal estado no que se atopan as pistas do terreo concentrado implica risco de incendios". 

DOG co inicio da parcelaria de Cartelle hai tres décadas CC-BY-SA Xunta de Galicia

Dacosta tamén critica que o caso de Cartelle "lonxe de ser unha excepción, é unha fiel mostra do que está a acontecer en numerosas parroquias" de todo o país, "nun momento no que a terra abandonada suma máis de 900.000 hectáreas en toda a comunidade".

Efectivamente, similares demoras noutros moitos procesos de concentración parcelaria poden comprobarse na web da Xunta que dá conta dos mesmos. Na Limia, o Salnés ou a Costa da Morte tamén hai zonas nas que os trámites comezaron nos anos 90 do pasado século e aínda seguen sen estar rematados.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.