As 25 medidas "innegociables" da Marea para os 100 primeiros días de goberno na Coruña

Xulio Ferreiro presenta as primeiras 25 medidas da Marea © Marea Atlántica

A Marea Atlántica presentou este mércores as 25 medidas que executará nos primeiros cen días de goberno no caso de que chegue ao poder na Coruña. Supoñen, ademais, as liñas vermellas que a plataforma marca xa para posibles pactos despois dos comicios do vindeiro 24 de maio e que cualifica de "innegociables". 

As 25 medidas para os primeiros 100 días son "innegociables" e liñas vermellas para posibles pactos tras os comicios

Trátanse, como asegurou o candidato da Marea, Xulio Ferreiro, dun "plan de choque que atenda as urxencias e tamén simbolicen o comezo dun novo ciclo político na Coruña, onde a prioridade volverán ser as persoas, non os poderes económicos". A plataforma adiantou xa algunhas desas medidas, entre as que destacou a pensada para converter A Coruña "nunha cidade libre de desafiuzamentos". 

“No que dependa do Concello, non se vai colaborar con ningún despexo, como ocorreu no recente caso de Elviña. O persoal municipal non está para botar as persoas das súas casas", insistiu Ferreiro, que aclara que, nos casos que non dependan do goberno local, poranse "todos os recursos dispoñibles para axudar os afectados e as afectadas". Ademais, o Concello cancelará os seus saldos nas contas que teña nas entidades financieras que executen despexos, "apostando pola banca ética". 

O Concello non colaborará cos desafiuzamentos e cancelará as contas que teña cos bancos que os leven a cabo

En canto á transparencia, entre esas 25 medidas inclúese tamén a publicación de todos os contratos do Concello e a inclusión de todos os grupos municipais nas mesas de contratación. "Tamén descentralizaremos a xestión, creando xuntas de barrio ou distrito con capacidade de decisión sobre algúns dos asuntos que lles afectan directamente”, explicou.

Outras das moitas medidas anunciadas por Xulio Ferreiro foron a revisión do convenio de Someso, a creación dunha Renda Social Municipal que axude a “garantir unha vida digna a todas as persoas”; impulsar un Plan de Emprego que “poña especial atención nos sectores en risco de exclusión”. Nese sentido, tamén asegurou que a Marea elaborará “un plan serio para acabar cos asentamentos precarios" "É algo que sabemos que non se vai conseguir en 100 días pero que afrontaremos desde o principio”, dixo, tras anunciar que o goberno da Marea detectará e "eliminará" os puntos de vertedura á ría do Burgo dentro do espazo municipal. 

Ademais, entre as medidas inclúese unha auditoría e renegociación da débeda do Concello ou a revisión de convenios como o asinado coa Autoridade Portuaria. Segundo Ferreiro, o porto exterior non pode financiarse coa venta de pisos no peirao urbano e propón que estes terreos sean destinados a espazos públicos, en lugar de a torres de vivendas. A Marea promete tamén rebaixar os soldos do goberno e o número de asesores, a aprobación dun plan municipal de emprego, aplicar unha tributación progresiva e máis xusta, o cumprimento da lei de Memoria Histórica e a retirada do rueiro franquista ou a prohibición de ceder recursos municipais ás touradas. 

Xulio Ferreiro presenta as primeiras 25 medidas da Marea © Marea Atlántica

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.