As asembleas do NPC traballan na convocatoria dunha Asemblea Nacional

Imaxe dos participantes na xuntanza do 2 de xuño © Quino Vilas

Ao redor de 150 persoas, representantes de 43 asembleas autoconstituídas e de ámbito local ou comarcal reuníronse este sábado en Teo para establecer mecanismos de coordinación entre elas para a constitución dunha nova organización política. Finalmente, os asistentes estableceron unha coordinadora nacional e asinaron un manifesto.

Sitúase como obxectivo "establecer unha coordinación entre as distintas asembleas comarcais ou locais a fin de preparar unha reunión asemblearia de carácter nacional"

O manifesto establece a vontade dos asinantes de "traballar pola creación dunha nova organización de carácter asembleario, aberto e plural, de integración individual e organización territorial, con vocación de continuidade na acción social, de carácter nacionalista, expresión política do galeguismo, e enmarcada tanto na tradición plural da esquerda como nas novas expresións da mesma". Así mesmo, sitúase como obxectivo "establecer unha coordinación entre as distintas asembleas comarcais ou locais a fin de preparar unha reunión asemblearia de carácter nacional" e afírmase a súa vontade de participar en futuras convocatorias electorais.

O manifesto, que salienta a adscrición individual dos participantes no proxecto, non fai referencia a ningunha formación política, e tampouco valora as posibilidades ou tempos de confluencia coas forzas que compoñen Compromiso con Galicia, Máis Galiza, Acción Galega e Espazo Ecosocialista

A coordinadora creada este sábado en Cacheiras volverá reunirse o 16 de xuño "para empezar a falar da convocatoria dunha asemblea nacional" e valorar en que estado se atopa "a construción dun novo proxecto".

Imaxe da xuntanza, que tivo lugar na Mediateca do Grilo, en Cacheiras © Causa Galiza
Imaxe dos participantes na xuntanza do 2 de xuño © Quino Vilas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.