As autoridades galegas, mobilizadas por unha visita vaticana

Feijóo e Rojo reciben a Bertone en Lavacolla © Xoán Crespo

A liña que separa Estado e Igrexa católica, trazada con máis ou menos claridade no ordenamento xurídico básico, esvae con frecuencia, xa sexa para reclamarlle á Virxe do Rocío que traballe para reducir o desemprego, para solicitarlle ao Apóstolo Santiago "solucións" á crise ou para, vía reforma educativa, permitir que a materia de Relixión compute para a media académica. O principio constitucional segundo o cal "ningunha confesión terá carácter estatal" volve estar, cando menos, cuestionado esta fin de semana en Compostela, onde as relacións de "cooperación coa Igrexa católica e demais confesións" se converten en mobilización das principais autoridades galegas para recibir os representantes do Vaticano que se achegan a capital galega e participar nos seus actos litúrxicos.

A visita vaticana ten a finalidade de ordenar arcebispo ao ourensán José Rodríguez Carballo, ministro xeral da orde franciscana a quen o papa Francisco vén de nomear secretario da Congregación para os Institutos de Vida Consagrada, unha caste de membro do goberno do Estado católico. A comitiva, encabezada polo secretario de Estado da Santa Sede, Tarcisio Bertone, chegou nas últimas horas do Día das Letras Galegas ao aeroporto de Lavacolla. Alí, a pé de pista, estaba o nuncio apostólico en España, Renzo Fratini, e ao seu carón o presidente da Xunta, a presidenta do Parlamento, o delegado do Goberno central e os ministros de Fomento e Exteriores.

A visita incluíu, segundo a información ofrecida polo Arcebispado, unha "cea oficial ofrecida polo titular do Executivo galego" na residencia oficial de Monte Pío

Tras ese recibimento, os membros da xerarquía católica trasladáronse ao complexo formado polo convento de San Francisco e o Hotel Monumento no que foi convertido parte do mesmo. Pero isto non implicou a fin da mestura cos estamentos políticos galegos. Ben ao contrario; Bertone achegouse á residencia oficial de Monte Pío para "manter unha entrevista" con Alberto Núñez Feijóo. Segundo a información ofrecida polo arcebispado -non constaba na axenda oficial da Xunta- en Monte Pío tamén se celebrou unha "cea oficial ofrecida polo titular do Executivo galego".

Na xornada do sábado, a central da presenza de Bertone en Compostela, tamén haberá notable implicación de representantes políticos en actos puramente relixiosos. Así, tanto a Xunta como o Parlamento xa confirmaron que Feijóo e Pilar Rojo asistirán á "á celebración da Santa Misa e Ordenación Episcopal do padre José Rodríguez Carballo" na catedral de Santiago. Non consta, nin nos datos ofrecidos polo Goberno nin polo arcebispado, se van participar ou non na "recepción e cea" que, neste caso organizada pola Igrexa, vai acoller o "restaurante de San Martiño Pinario".

Neste contexto, dos tres días que Tarcisio Bertone ten previsto pasar en Santiago só un transcorrerá unicamente no ámbito relixioso, sen contacto oficial con políticos. Será o domingo, cando celebrará unha misa privada na Catedral, se reunirá co arcebispo e "visitará distintas partes da cidade de Santiago en automóbil". Como pano de fondo desta viaxe está a "aspiración", formulada polo propio Feijóo, de que o papa Francisco visite a cidade durante os actos de celebración do aniversario da visita de Francisco de Asís a Compostela, conmemoración relixiosa declarada, a instancias da Xunta, acontecemento de "especial interese público", con exencións fiscais para as empresas que o patrocinen.

Feijóo e Rojo reciben a Bertone en Lavacolla © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.