As consecuencias da reforma local: pedir permiso á Xunta para fomentar o emprego

Orozco e a edil luguesa de Economía, Sonia Méndez © Concello de Lugo

A reforma local ten en pé de guerra os alcaldes galegos. Cunha soa voz e a través da Fegamp, os municipios do país manifestaron o seu rexeitamento a unha normativa que entra en vigor e que a maioría cualifica de "recentralizadora, privatizadora e de perda de autonomía local", ademais de denunciar que "ignora a realidade de Galicia". Os concellos de menos de 20.000 habitantes son os máis afectados pola perda de servizos públicos e sociais que lle supón, pero as consecuencias ameazan a todos.

Un informe da FEMP confírmalle ao Concello que terá que ter permiso da Xunta para continuar cos seus programas de emprego

A perda de competencias municipais e de autonomía local, así como a falta dunha normativa clara sobre as funcións dos concellos, provocan tamén disfuncións nos grandes municipios. Así, o de Lugo denuncia a que será unha das máis polémicas consecuencias da reforma local: os concellos terán que pedir permiso á Xunta para levar a cabo programas como os de fomento do emprego, tal e como confirmou a FEMP (Federación Española de Municipios e Provincias) ao Concello de Lugo a través dun informe xurídico.

Respondía así a FEMP ás dúbidas do Concello de Lugo sobre a posibilidade de seguir desenvolvendo programas de emprego e sobre a súa intención de poñer en marcha medidas coas que fomentar o emprendemento, tal e como leva facendo anos. A resposta é clara: tras a entrada en vigor da Lei de Racionalización e Sostibilidade da Administración Local, o municipio deberá contar co permiso da Xunta.

O goberno local tivo que suspender a convocatoria dunha subvencións a pemes á espera do visto e prace da Xunta

A concelleira de Economía lucense, Sonia Méndez, advertiu así de que o goberno local se viu obrigado a suspender a convocatoria da liña de subvencións por importe de 450.000 euros e que ía destinada a pequenas e medianas empresas de Lugo. As bases da convocatoria de axudas a pemes só estaban pendntes de publicación, pero agora quedará en suspenso á espera de que a Xunta dea o seu visto e prace para unhas subvencións que se financia exclusivamente con fondos municipais.

"Hai que agardar o informe preceptivo e vinculante da Xunta de Galicia", aclarou a concelleira, que volveu reclamar en nome do goberno local a derrogación da reforma local e que "se resolva dunha vez o problema competencial das administracións locais que esta lei non fixo máis que agravar".

O Concello de Lugo advirte do posible atraso no permiso da Administración autonómica ou incluso na non contestación e lembra que a Xunta "nin tomou iniciativa ningunha nin convocou os concellos para explicar que procedemento se debe seguir". "Mesmo seguen a sacar convocatorias, como a de axentes de emprego, para os concellos que non podemos exercer estas competencias, iso si, financiando só o 29%", engadiu. "Desde o Goberno central prohíbese aos municpios contratar persoal e asumir estas competencias e desde a Xunta finánciase só o 29%", exemplifica para rematar.

Orozco e a edil luguesa de Economía, Sonia Méndez © Concello de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.