As diferentes "unións de forzas" para as eleccións europeas

Xornadas sobre Europa de EU Dominio Público @EsquerdaUnida

Yolanda Díaz, coordinadora de Esquerda Unida e vicevoceira de AGE, volveu apostar pola "unión de forzas" como "clave do éxito" para as vindeiras eleccións europeas. Ademais, instou o pobo a "rebelarse" contra unha troika "criminal". Durante unhas xornadas de participación e debate sobre o modelo de Europa celebrado en Santiago, a política ferrolá asegurou que Alternativa "aínda está nacendo" e que "precisa ser reforzada, coidada, consentida e que máis colectivos estean dentro".

"O 80% das decisións que afectan diariamente a Galicia tómanse en Europa", di Yolanda Díaz

"Estamos a traballar no proceso das eleccións europeas e o primeiro que queremos facer é servir como revulsivo, para que a cidadanía tome conciencia de que hoxe, máis que nunca, Europa é un pesadelo para todos nós", dixo Yolanda Díaz, que lembrou que o "80% das decisións que afectan diariamente a Galicia tómanse en Europa". "Queren desmantelar o Estado de Benestar e de nós vai depender que o consigan ou non", insistiu.

Ademais, o deputado de Izquierda Plural, Alberto Garzón -que asistiu ao acto na que tamén estivo o economista Manuel Lago- cre que é necesaria "unha resposta que combata o poder antidemocrático da troika e aquelas institución que impoñen recortes nos servizos públicos, educación e sanidade". Na súa opinión, esta resposta debería pasar por "unha alianza o máis coherente e ampla posible" xunto a "unha mobilización social".

Vence insta a EU a independizarse de IU para poder entrar nunha coalición soberanista galega de cara ás eleccións europeas

Por outra banda, Xavier Vence, portavoz nacional do BNG, insistiu respecto da fórmula para se presentar ás eleccións europeas que a súa formación ve necesaria "sumar enerxías de todas as forzas políticas galegas nacionalistas e de esquerdas" para "darlle unha voz forte a Galicia na UE".  Desta vez, amosouse disposto a "confluír con todos aqueles que comportan obxectivos de obter unha representación potente par adefender os intereses de Galicia en Europa e para construír outro modelo de Europa".

"Non temos ningún problema en xuntar as nosas forzas con outras forzas políticas galegas que defendan os intereses de Galicia en Europa como única prioridade. Todas as que reúnan estes requisitos son benvidas a unha gran coalición unitaria", insistiu, tras deixar as súas condicións aínda máis claras. "Que EU se independendice, agora mesmo son unha forza estatal, están dentro de IU", dixo segundo informa Galicia Confidencial.

  

Xornadas sobre Europa de EU Dominio Público @EsquerdaUnida

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.