As primeiras enquisas a pé de urna danlle ao PP unha clara maioría absoluta. Segundo o inquérito encargado pola TVG á empresa Ipsos, Feijóo obtería entre 39 e 42 escanos, fronte aos 18-20 do PSdeG, os 8-10 para Alternativa Galega de Esquerda, que irrompe con forza, e os entre 7 e 8 para o BNG. Por outra banda, a enquisa de Sondaxe para La Voz de Galicia dálle 39 escanos ao PP, 20 aos socialistas e 8, tanto ao Bloque como á formación liderada por Xosé Manuel Beiras, que sería a grande sorpresa da xornada electoral e que incluso podería superar en número de deputados á fronte nacionalista.
As enquisas de Ipsos e Sondaxe danlle un mínimo de 39 escanos ao PP e advirten da forte irrupción de AGE
As enquisas, a falta de resultados oficiais, non dan lugar ao cambio de Goberno en Galicia, pero si un renovado Parlamento, no que entraría con moita forza a coalición formada por Anova e Esquerda Unida (xunto a Equo e Ecosocialistas) que superarían incluso as mellores expectativas ao aproveitarse tamén das acusadas caídas do PSdeG e do BNG, que poderían perder uns nove escanos.
Por provincias, os datos da enquisa de Ipsos danlle unha clara vitoria ao PP en todas as provincias. Na Coruña: PP (12-14); PSdeG (5-6); AGE (3-4); BNG (2-3); en Lugo: PP (8-9); PSdeG (4); AGE (1-2); BNG (1); en Ourense: PP (8-9); PSdeG (4); BNG (1); AGE (0-1); e en Pontevedra: PP (10-11); PSdeG (5-6); AGE (3-4); BNG (2-3)
Pablo García, secretario de Organización do PSdeG, lamentou a baixa participación, mentres que Mario López Rico, de Alternativa Galega de Esquerda, xa advirte de que a nova formación "pasa de cero a cen", aínda que ambos os dous prefiren manter a cautela tras advertir que os datos que hai polo momento son só enquisas. Ademais, Montse Prado, secretaria de Organización do BNG, transmite tamén "unha mensaxe de tranquilidade" á espera dos resultados definitivos do escrutinio.
Alfonso Rueda, coordinador da campaña do PP e conselleiro da Presidencia, cre que "haberá que analizar as causas do descenso na participación" porque llel tivese gustado "unha participación máis alta". En canto ás enquisas a pé de urna, di que é "prudente á hora de valorar" os inquéritos, pero aclara que todos apuntan a que os populares "gañaron as eleccións" e que só hai que agardar se se confirma que "acada a maioría absoluta para seguir gobernando Galicia".
Por outra banda, no País Vasco, a enquisa feita pública pola ETB dálle unha vitoria ao PNV, que obtería entre 24 e 27 escanos, mentres que EH-Bildu obtería entre 23 e 26. O PSE-EE obtería entre 13-15, PP entre 9 e 11, EA-IU entre 0 e 1, ao igual que UPyD.