"As institucións negáronme o dereito de sufraxio. Desde aquí pídovos que votedes no meu lugar"

Solicitude de voto por correo © http://zigzagdigital.com/

Dende hai varios meses distintos colectivos, coma Marea Granate, e persoas a nivel individual veñen denunciando as difultades que para exercer o seu dereito ao voto atopan os e as residentes no exterior de forma temporal. Trátase de cidadáns e cidadás que na súa meirande parte acaban de marchar a outros países, en moitos casos na procura de traballo, e tamén por cuestións formativas e outros motivos e que polo tanto teñen esa condición de residentes temporais. Nalgúns casos esa temporalidade acabará sendo permanente, engrosando o Censo de Residentes Ausentes (CERA), pero mentres tanto existe para eles e elas outro rexistro, o censo de residentes temporais (ERTA), que en teoría lles permite votar en todos os comicios que se celebran en España, mesmo as eleccións municipais (os e as inscritas no CERA, por exemplo, non votan nos comicios locais).

Existe para eles e elas outro rexistro, o censo de residentes temporais (ERTA), que en teoría lles permite votar en todos os comicios que se celebran en España, mesmo as eleccións municipais (os e as inscritas no CERA non o poden facer)

A Marea Granate, colectivo que agrupa novos emigrantes españois, chegou a denunciar que o Goberno estaba "dificultando" o dereito ao voto dende o exterior, impedindo ou obstaculizando estas inscricións, a través de informacións erróneas proporcionadas por consulados de todo o mundo. Nalgúns casos, estábase indicando que o prazo de inscrición xa rematara, cando non era certo, ou denegando estas inscricións baseándose en supostas limitacións legais que non figuraban na LOREG nin no Real Decreto 1621/2007 que regula o procedemento de votación para os residentes temporais.

Esta andaina burocrática converteuse nun muro insuperable para moitas persoas residentes do exterior, sobre todo cando non tiñan unha embaixada preto ou onde os consulados non cumprían as súas funcións

Noutras ocasións, os obstáculos eran de tipo burocrático, sen impedir de forma taxativa o exercicio do voto, pero si dificultándoo de tal xeito que, na práctica, acaban por facelo imposible para moitos e moitas votantes. E é que para estes e estas cidadás votar non é tan sinxelo. O primeiro paso sería a inscrición no censo de residentes temporais (ERTA), para facer despois o rogo do voto, que debe facerse de forma presencial, nas embaixadas e (en principio) tamén nos consulados. O rogo (ou solicitude) do voto podía realizarse dende a convocatoria de eleccións (o 31 de marzo) ata 25 días despois desa data. Recomendábase polo tanto (sobre todo ás persoas que non teñan un consulado preto) realizar de forma conxunta a inscrición no censo de residentes temporais e o rogo de voto ao mesmo tempo, para aforrar unha viaxe. Unha vez realizada a inscrición no censo e o rogo do voto, o resto do proceso é exacto ao do voto por correo dende calquera punto do interior do Estado.

Porén, alén doutras dificultades (coma as xa citadas informacións erróneas ou as denegacións de inscricións), esta andaina burocrática converteuse nun muro insuperable para moitas persoas residentes do exterior, sobre todo cando non tiñan unha embaixada preto ou onde os consulados non cumprían as súas funcións. Citábase, por exemplo, o caso de Irlanda, onde só se podía realizar o rexistro de matrícula consular e solicitar o voto na oficina da embaixada, en Dublín, mentres que os viceconsulados honorarios, en Castletownbere, Waterford, Galway, Sligo, Limerick ou Cork, non estaban autorizados para facelo. As persoas que vivan fóra da capital teñen, pois, que facer un esforzo notable para ter a posibilidade de exercer o seu dereito ao voto.

"Compatibilizar citas na embaixada co traballo resultoume imposible, polo que realmente as institucións me negaron o dereito de sufraxio"

Aitor Insunza, do Barco de Valdeorras, vive en Budapest (Hungría), e a pesar de integrar a lista da Riada Cidadá nesta localidade (no posto 17), denuncia que non poderá exercer o seu voto. "Hungría é o segundo país do estranxeiro no que vivo e traballo, pero non podo enganarme a min mesmo: se algún día quero volver ó meu país, non vou poder facelo. Aquí atópome ben nestes intres, pero pensar na volta é un auténtico crebacabezas sen solución", comenta. Explica que "o proceso de votación desde o estranxeiro é moi longo (rexistrarse primeiro, facer papeleos despois, pedir o voto por correo...) e os horarios da embaixada reducidos". "Compatibilizar citas na embaixada co traballo resultoume imposible, polo que realmente as institucións me negaron o dereito de sufraxio" -engade- "Por iso, desde aquí pídovos que votedes no meu lugar".

Hai unhas semanas, de igual xeito, escribíanos dende Opatija (Croacia) Samuel Cebreiro, explicando nun artigo as razóns polas que asumira que non ía poder exercer o seu dereito ao voto: "Logo de asentarme en Croacia e de revisar as instrucións a seguir para votar dende aquí, o meu primeiro paso foi Google. Ao non entender moito, preferín dirixirme por escrito ao facebook da Embaixada Española en Croacia (sita en Zagreb). A miña pregunta foi se había outra maneira de solicitar o voto sen ter que presentarme na oficina consular, xa que vivo a tres horas da capital. A resposta foi unha negativa e un arquivo adxunto sobre o proceso das eleccións autonómicas de outras rexións. Volvín a preguntar sobre o caso das municipais de Galicia, e a resposta foi unha URL do Ministerio de Exteriores".

"A miña pregunta foi se había outra maneira de solicitar o voto sen ter que presentarme na oficina consular, xa que vivo a tres horas da capital. A resposta foi unha negativa"

Samuel Cebreiro amosaba a súa estrañeza polo feito de que "a día de hoxe, en pleno 2015, non somos capaces de ofrecer solucións executando un DNI electrónico na web" e engadía que "son dos que pensas que estas cousas fanse para evitar dar voz e voto (nunca mellor dito) aos que non estamos na casa". "Seguramente non serei o único, pois sei que en pasadas citas electorais houbo tamén algunha persoa que tivo dificultades similares. Pasan os anos e seguimos igual", concluía.

Marea Granate está a organizar concentracións en cidades de todo o planeta para o mesmo domingo 24 maio, data das eleccións

Casos coma este hai moitos, de persoas procedentes de distintos territorios e esparexidas por países diversos en todo o mundo. Para denunciar contra estes obstáculos e contra un sistema que acaba en moitas ocasións por impedir de facto un dereito, Marea Granate está a organizar concentracións en cidades de todo o planeta para o mesmo domingo 24 maio, data das eleccións. Hai xa 17 convocatorias, de Nova York a Atenas, pasando por Berlín, Londres e Bos Aires. Nas concentracións, que poden ser tamén auto-convocadas, protestarase contra o "voto rogado", que acaba por se converter nun "voto roubado", denuncian, sendo incompatible co exercicio do sufraxio universal.

Solicitude de voto por correo © http://zigzagdigital.com/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.