Dende finais de 2013 Galicia conta cunha lei que oficializa a posibilidade de traspasar pacientes do Servizo Galego de Saúde á sanidade privada se os hospitais públicos non atenden as súas necesidades de intervencións cirúrxicas en menos de 60 días. O pasado decembro o Goberno galego deulle luz verde ao seu desenvolvemento regulamentario, o último trámite para a implantación definitiva dunha norma criticada non só por sindicatos e persoal da sanidade pública, senón que tamén espertou receos na Asesoría Xurídica da Xunta e no Consello Económico e Social por darlle á privada un papel no sistema público que ata agora non tiña. As tres grandes áreas sanitarias do país, Vigo, A Coruña e Santiago, son a priori as principais candidatas ao trasvase de doentes e, polo tanto, ao incremento do financiamento da sanidade privada con fondos públicos, toda vez que o seu tempo de espera media está por riba deses 60 días.
A Consellería de Sanidade fixo públicos este venres os datos de agarda correspondentes ao cuarto trimestre de 2014. O balance foi, como adoito, optimista, se ben o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, deu en admitir un empeoramento no tempo de atención aos doentes máis graves, provocado en boa medida pola preponderancia dos de prioridade tres. As enfermidades dese sector dos doentes son de menor importancia e, polo tanto, admite, permiten desconxestionar máis facilmente as listas de espera e, polo tanto, mellorar unhas cifras que nese remate do ano ficaron, de media no conxunto do país, en 80,4 días.
A lei de garantías permite o trasvase á privada a partir de 60 días e a media supera os 80
No caso das áreas de xestión viguesa, coruñesa e compostelá os tempos de espera media ficaron en 95, 74,4 e 71,4 días, respectivamente. Poñendo o foco un chisco máis nos detalles estas listas de agarda están especialmente lastradas por servizos como a cirurxía cardiolóxica, a maxilofacial ou a neurocirurxía, no caso da Coruña. En Santiago os servizos que están por riba dos 60 días de espera e que, polo tanto, terían que traspasar pacientes á privada son, entre outros, os de cirurxía vascular, traumatoloxía e tamén neurocirurxía. En Vigo só tres servizos, cirurxía torácica, neurocirurxía e uroloxía están por baixo desa barreira imposta pola Xunta.
O lastre de Povisa, de novo ao descuberto
Tras dous trimestres ocultándoa, Sanidade volve ofrecer a espera media incluíndo a Povisa, aínda que a mantén fóra do documento oficial
As autoridades sanitarias galegas ofreceron estes datos nun contexto no que, por terceiro trimestre consecutivo, os documentos do balance oficial do Sergas exclúen o policlínico concertado Povisa -hospital de referencia para unhas 100.000 persoas na área de Vigo- da cifra media total de espera cirúrxica. Ao contrario do que aconteceu no terceiro trimestre de 2014, cando a Consellería, a preguntas deste diario, se negou a facilitar este dato, nesta ocasión Fernández-Campa si deu a cifra global en rolda de prensa e as súas verbas foron incluídas no comunicado oficial, o que permite coñecer a devandita cifra de 80,4 días, case catro días menos que no peche do exercicio de 2013 pero superior a, por exemplo, os meses de decembro de 2011 e 2010
Neste escenario, a espera cirúrxica media nos hospitais propios do Sergas queda nesta ocasión en 67,1 días, un día menos que a finais de 2013 pero tres máis que no mesmo trimestre de 2012. Povisa, pola súa banda, detén levemente a súa escalada pero segue superando os 170 días de agarda media, o que implica case triplicar o límite imposto pola lei de garantías. No que atinxe ás consultas nos médicos especialistas o tempo medio de espera estaba a finais de 2014 en 50,3 días, cinco por riba dos 45 que marca a nova lei e seis máis que no trimestre anterior.