"As maiorías absolutas, sexan de quen sexan, son moi negativas para a democracia"

Olaia Fernández Davila, no Congreso CC-BY-NC-SA BNG

Olaia Fernández Davila (Vigo, 1954) foi deputada no Congreso en representación do BNG nas últimas tres lexislaturas. Vén de pechar este ciclo, polo que mereceu unha sonora e unánime homenaxe na presentación das listas de Nós-Candidatura Galega, hai dúas semanas. Destaca a súa satisfacción co traballo realizado, tanto polos resultados acadados coma pola colaboración con distintos colectivos e sectores e sinala o debate territorial, a defensa dos servizos públicos e a loita contra a corrupción como os grandes retos da cámara na vindeira lexislatura. 

Como valoras o teu paso polo Congreso?

"Moitas emendas que presentabamos a proxectos de lei transformaban as leis que finalmente eran aprobadas. E isto era consecuencia do traballo coa xente, con colectivos que eran afectados directamente por esas leis"

A valoración é moi positiva e satisfactoria, por varias razóns. Primeiro polo mesmo feito de representar en Madrid a aquela xente que votou ao nacionalismo, que votou ao BNG, cumprindo un compromiso. Ademais, sentes que recibes un agradecemento por parte desa xente, sentes que non decepcionaches a esas persoas. Ás veces si que che pode dar a impresión de que están botando auga nun cesto, como se di, de que fas un traballo moi grande sen resultados, pero mirando cara atrás, cunha certa perspectiva, ves que o teu labor si deu froitos. Moitas emendas que presentabamos a proxectos de lei transformaban as leis que finalmente eran aprobadas. E isto era consecuencia do traballo coa xente, con colectivos que eran afectados directamente por esas leis. Políticas de igualdade, Lei de Dependencia, lingua de signos... Sobre todo nas dúas primeiras lexislaturas. Esta última foi completamente distinta, debido a que o PP, coa súa maioría absoluta, pasaba o rodillo para aprobar as súas lei. Pero mesmo así, houbo veces en que fomos que de introducir distintos elementos.

Dentro do traballo desenvolvido, cales foron os máis satisfactorios, aquelas iniciativas ou debates das que te sentes máis orgullosa?

Estou especialmente orgullosa do traballo realizado coas persoas afectadas polas preferentes, cos emigrantes retornados, na redución de IVE en distintos sectores, por exemplo o das flores e plantas ornamentais. Iso si, en moitos deses casos as cousas que se conseguiron e que fixeron que o Goberno rectificase a súa política foron motivadas pola grandísima mobilización das persoas afectadas. Hai moitos temas. Lembro por exemplo a sesión na que se celebraba o aniversario da consecución do dereito de voto para as mulleres, foi un debate moi bonito. Houbo tamén debates ideolóxicos moi interesantes, por exemplo cando se deu o traspaso de poderes do rei anterior ao actual.

"É importante que un Goberno necesite chegar a acordos con outras forzas políticas para poder aprobar cousas"

Era moi distinta a forma de traballar nun Congreso con maioría absoluta do PP e nun Congreso con maioría simple, neste caso do PSOE?

Completamente distinto. Eu sempre digo que as maiorías absolutas, sexan de quen sexan, son moi negativas para a democracia. É importante que un Goberno necesite chegar a acordos con outras forzas políticas para poder aprobar cousas. A primeira lexislatura que que estiven eu, o primeiro Goberno de Zapatero, foi un exemplo de como se debe traballar, e naquelas cousas que se aprobaron -que foron moitas- foi importante que o sentir da xente se transmitise a esas normas, que recibiron achegas de varios partidos.

Sentes que o teu traballo era recoñecido, que a xente é consciente do traballo que realizan os parlamentarios e parlamentarias?

A xente coa que traballamos, os colectivos cos que tratamos un tema para despois levar as súas demandas ao Congreso, a xente que ve máis de preto o teu traballo, votantes nosas ou non, esa xente si que me amosou ese recoñecemento e o seu agradecemento. Andando pola rúa en Vigo, pasoume moitas veces atopar xente que me paraba pola rúa e mo dicía. Pero por outro lado, si que é certo que seguramente o noso traballo é moi pouco coñecido e recoñecido pola gran maioría. O noso traballo tivo moi pouco recoñecemento mediático.

"Vexo a campaña moi polarizada ao redor de catro candidaturas que se presentan no ámbito estatal. E con respecto ás restantes candidaturas hai un certo apagón informativo"

Como estás vendo esta campaña e como ves as eleccións do 20D?

Vexo a campaña moi polarizada ao redor de catro candidaturas que se presentan no ámbito estatal, e acabamos de velo no debate televisión do 7 de decembro. Con respecto ás restantes candidaturas hai un certo apagón informativo, xa non falo só de Nós-Candidatura Galega, senón doutras candidaturas que tamén se presentan ás eleccións en todo o Estado. Hai unha predisposición de poderes económicos e mediáticos para centrar a campaña nesas catro candidaturas, esquecendo outras visións. No caso de Nós-Candidatura Galega, temos claro que imos continuar o noso traballo en defensa da xente e en defensa de Galiza, como ata agora fixemos outros deputados e deputadas nacionalistas que estivemos no Congreso.

"Este novo Congreso ten que achegar un cambio de políticas, ten que traballar por mellorar os servizos públicos e para reverter a perda de dereitos da cidadanía"

Que grandes retos terá que afrontar na vindeira lexislatura o Congreso que saia das eleccións do 20D?

O debate territorial vai estar presente, como xa o estivo na pasada lexislatura co proceso que se está a vivir en Catalunya, e como xa o estivera antes co Plan Ibarretxe. Por outro lado, este novo Congreso ten que achegar un cambio de políticas, que serán moi distintas ás que caracterizaron esta última lexislatura de maioría absoluta do PP. Estas novas Cortes teñen que traballar por mellorar os servizos públicos e para reverter a perda de dereitos da cidadanía. O novo Congreso ten que traballar tamén para conseguir a eliminación da corrupción política, hai que acabar con esa sensación de república bananeira que provocou o Partido Popular.

Olaia Fernández Davila, no Congreso CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.