As Marchas da Dignidade volverán ao Obradoiro en outubro

Vista xeral da praza do Obradoiro polo 29N CC-BY-SA Praza Pública

As Marchas da Dignidade galegas volverán confluír na praza do Obradoiro compostelá o vindeiro 24 de outubro nunha gran manifestación. Así o anunciou este luns o colectivo -que agrupa no conxunto do Estado máis de 300 organizacións e plataformas-, que asegura que volve á mobilización porque "as razóns" que os levaron por primeira vez á rúa en Madrid hai dous anos "seguen máis vixentes ca nunca". 

"A situación da clase traballadora e os sectores populares, lonxe de mellorar, segue cautiva do sofrimento e da desesperanza"

O 22M galego tratará de encher o Obradoiro como xa o fixera o pasado 29 de novembro nunha marcha na que, como agora, tamén se reclamou "pan, traballo e teito" e que seguirá o ronsel que marcara o colectivo a nivel estatal na gran marcha do 22 de marzo de 2014 e que fora tamén o antecedente doutra gran manifestación en Madrid no mesmo mes pero deste 2015. "A situación da clase traballadora e os sectores populares, lonxe de mellorar, segue cautiva do sofrimento e da desesperanza consubstanciais ás políticas neoliberais que nos impón a troika", aseguran as Marchas, que explicarán en rolda de prensa o vindeiro mércores os detalles da convocatoria. 

A manifestación que se celebrará o vindeiro sábado 24 de outubro celebrarase polas rúas de Compostela e finalizará na praza do Obradoiro, tal e como ocorrera o pasado 29 de novembro, cando varias columnas que partiron de diferentes puntos da xeografía galega camiñaron ata se xuntar na capital galega. Antes, o 21 de xuño, o colectivo rodeara o Parlamento de Galicia nunha convocatoria apoiada polas forzas de AGE e o BNG

Na axenda que se marcaran as Marchas a nivel estatal incluíase a posibilidade dunha folga xeral o vindeiro 22 de outubro, pero esa é unha opción que se "repensou" polo cambio das condicións e por un continuo calendario electoral do que o 22M "non pode abstraerse", segundo din fontes do colectivo. 

Na súa xénese, as Marchas contaron co apoio de Anova ou a FPG e tamén de Esquerda Unida ou Espazo Ecosocialista, así como de numerosos movementos sociais e veciñais, plataformas de Stop Desafiuzamentos, Frente Cívico, colectivos feministas, Ecoar ou a Plataforma Galega de Artes Escénicas, ademais de sindicatos como a CUT ou o SLG. 

Apoio ás Marchas da Dignidade en Compostela © Plataforma de apoio ás Marchas da Dignidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.