As mareas forman grupos de traballo ante un eventual adianto das eleccións galegas

Unha das sesións do encontro da Pobra CC-BY-SA Marea Atlántica

Practicamente ninguén desbota nada a respecto das vindeiras eleccións galegas, sobre as que o único seguro é que teñen que celebrarse antes de mediados de decembro. De seren "cando toca" a data sería no mes de outubro, pero a incerteza en torno ao futuro político do presidente da Xunta, quen legalmente ten a capacidade de convocalas cando considere oportuno, enche o panorama de interrogantes. Este é o escenario no que, no seu segundo encontro en dúas semanas, as mareas municipais decidiron organizar grupos de traballo para, en caso dun eventual adianto electoral, seren quen de poñer os vimbios para unha candidatura de confluencia.

Despois dunha primeira xuntanza, hai dúas semanas na Estrada, o pasado domingo unhas 150 persoas dunha trintena de plataformas municipalistas xuntáronse na Pobra do Caramiñal. Se na primeira xuntanza saíu unha primeira "exploración" e a vontade de promover unha proposta "máis ampla" e "con maior participación" que a que caracterizou a En Marea nas xerais, desta volta a aposta foi comezar a darlle forma a unha estrutura na que, por motivos obvios, non abonda cos mecanismos municipais.

Así as cousas, segundo detallou este luns a Marea Atlántica, a quen as diversas formacións lle atribúen un papel destacado no impulso deste novo proceso, "están operativos dende hoxe" oito grupos de traballo "con colaboración horizontal e participada de persoas das distintas plataformas". Mediación, Feminización, Comunicación Interna, Mapa Territorial, Principios Básicos, Código Ético, Programa Participativo, Primarias e Forma de Goberno son ás áreas nas que se divide un traballo que, din, procuda "darlle forma a unha opción que, dende o liderado cidadán e coa máxima participación, represente as políticas do cambio".

Mentres o papel dos partidos se mantén na incógnita, as plataformas municipais apostan por lanzar xa o proceso e evitar acordos "de última hora"

Con estas iniciativas as mareas municipais emprenden un camiño no que resta saber cal será o papel doutros axentes, como o Encontro Cidadán por unha Marea Galega -que esta pasada fin de semana avaliou o seu traballo dos últimos meses nun encontro en Vigo- e, sobre todo, o dos partidos que sustentaron En Marea. O principal foco de tensión está a ser, cando menos polo momento, a cúpula de Podemos Galicia, cuxo secretario xeral, Breogán Riobóo, abriu a porta nas últimas semanas a concorrer en solitario aos comicios galegos, opción que apoiou un grupo de militantes que non aforraron críticas ao papel preponderante das mareas municipais na campaña do 20-D. Mentres, a dirección estatal do partido, por boca de Pablo Iglesias, reiterou a aposta pola fórmula de En Marea.

"As plataformas seguirán a traballar para impulsar un proceso de confluencia coa máxima participación"

Mentres o papel dos partidos, que aínda acomodan as súas estruturas ao resultado do 20-D, permanece no ámbito dos interrogantes unha das consideracións preponderantes no encontro da Pobra indica que o proceso que as plataformas municipais apostan por encetar non debe ser prolongado, evitando deste xeito acordos "de última hora", e que non debe culminar nunha mera alianza de siglas. "Traballar con tempo para facer as cousas mellor", repítese mentres se planifica xa un novo encontro nun "prazo breve" pensando, precisamente, nun eventual anticipo das eleccións.

"A través destes encontros -di a Marea Atlántica- as plataformas municipalistas galegas seguirán a traballar como colectivos para impulsar un proceso de confluencia coa máxima participación, liderado pola cidadanía e construído de abaixo a arriba". O modelo da formación coruñesa preséntase como guieiro á hora de elaborar programas e tamén á de elixir candidato ou candidata á Presidencia da Xunta. Este formato, din, "é preciso para xerar a ilusión e a forza necesarias para repetir os éxitos acadados polas opcións do cambio nas últimas convocatorias electorais e rachar de vez coas políticas antisociais do PP".

Xuntanza das mareas na Pobra do Caramiñal CC-BY-SA Marea Atlántica

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.