As mareas levan o cambio fóra das cidades

Suárez, Díaz, Gómez Reino e Noriega, no remate do acto no Teatro Jofre de Ferrol © EnMarea

"Maio foi só o principio". Así comeza o manifesto de apoio á candidatura de EnMarea que este luns presentaron na Coruña unha trintena de mareas municipais. "Xuntámonos para ratificar o noso compromiso cun proceso de cambio que vai moito máis alá das eleccións municipais, unha primavera longa que se enfronta o 20 de decembro a un novo desafío nas eleccións xerais e que debera culminar o ano próximo desaloxando por fin o PP da Xunta de Galicia", engadía o texto.

A implicación das candidaturas locais, das cidades rebeldes, na campaña é clara e vai a máis. Este mércores, en Ferrol, Jorge Suárez -alcalde da cidade naval- e Martiño Noriega -alcalde de Compostela- abriron o mitin de Antón Gómez-Reino e Yolanda Díaz, números un e dous pola provincia da Coruña. Este xoves Noriega continuará a súa ruta no mitin de EnMarea en Vigo (no que intervirán Alexandra Fernández, Ángela Rodríguez e Xosé Manuel Beiras) e o venres, na Coruña, volverá compartir escenario con Gómez-Reino, Díaz e Beiras, nun mitin no que tamén participará o alcalde Xulio Ferreiro.

A intervención dos alcaldes do cambio achégalle á campaña de EnMarea o relato do triunfo electoral mesmo en contra da enquisas e dos grandes medios de comunicación. Tamén o da xestión que xa están a realizar e, ligado a isto, o da reacción que espertan nos sectores máis conservadores. O discurso de Noriega estivo inzado de chiscadelas neste sentido: "Jorge: o teu foi o pitillo na bañeira, pero o meu é moito peor: eu seica roubei o Nadal". Tanto Noriega como Suárez salientaron neste senso o "medo" que parece espertar en determinados medios o "éxito" das mareas e o propio crecemento de EnMarea nas enquisas: "Tivemos portadas en contra un e outro día. E, de súpeto, sae o CIS, dálle grupo parlamentario a EnMarea e dis 'pois claro, era por isto'". “Por iso nos teñen medo, o inimigo é terrible e non ten piedade”, engadiu o rexedor compostelán.

"Jorge: o teu foi o pitillo na bañeira, pero o meu é moito peor: eu seica roubei o Nadal", dixo Martiño Noriega

“Estes días sinto responsabilidade porque estamos diante dun desafío histórico. Pero sentimos sobre todo ilusión porque se nota a vontade de cambio, estamos en condicións de provocar un cambio social. E non imos facer a política dos engaravatados, senón a política das necesidades diarias. E sobre todo estamos aquí para cambiar a política”, salientou Gómez-Reino no peche do mitin. Unha mensaxe, a do cambio, que foi a máis repetida en todas as intervencións.

A mensaxe do cambio foi a máis repetida en todas as intervencións

Foino na de Jorge Suárez, que xogaba na casa e destacou sobre todo a difícil situación pola que atravesa a comarca: “A política do PP é a da destrución, a nosa á da recuperación”. Tamén na de Yolanda Díaz: “Temos ilusión e esperanza porque sabemos que o cambio está en marcha pero sobre todo, porque sabemos que a maioría social que sodes vós, os traballadores e traballadoras, os desempregados, ides ser os protagonistas deste cambio político que xa está en marcha”. Unha apelación ao cambio coa que Díaz fixo tamén un alegato interxeracional: comezou citando a Manuel Amor Deus (histórico sindicalista ferrolán) e as loitas do pasado (que el resumira cun "mereceu a pena") e acabou pedindo o voto das xeracións con máis experiencia para acadar ese cambio de políticas: "Sei que sodes vós os que estades pagando as hipotecas da miña xeración e dos vosos netos. Pero quero transmitirvos esperanza, porque o cambio político está en marcha. E pídovos que o fagades polos vosos fillos, que non van ter as vosas condicións de vida".

Os rexedores de Ferrol e Compostela foron protagonistas no mitin de EnMarea © EnMarea
Jorge Suárez, alcalde de Ferrol © EnMarea
Intervención de Martiño Noriega no mitin © EnMarea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.