As mareas municipais aprobarán en marzo os "principios" para confluír nas autonómicas

Xuntanza das mareas municipais en Lugo © Marea Atlántica

As mareas municipalistas manteñen o ritmo e seguen a avanzar na posta en marcha dos vimbios para unha candidatura de confluencia de cara ás vindeiras eleccións autonómicas. Conscientes de que o calendario pode apertarse -e de que non se descarta mesmo que os comicios coincidan cunha hipotética repetición das xerais en xuño-, diferentes plataformas locais volvéronse xuntar nunha fin de semana na que consensuaron os que serán os principios básicos dese pretendido espazo de unidade da esquerda do que os procesos municipais pretenden ser a base. 

As mareas insisten en sentar as bases e "vertebrar" o espazo de confluencia de cara ás autonómicas

A idea, como aclaran fontes presentes na xuntanza, é "vertebrar" ese espazo de confluencia e sentar unhas bases "desde abaixo" e de participación cidadá á que logo se unirían persoas, colectivos e partidos no caso de compartiren eses principios básicos. En definitiva, repetir o modelo da Marea Atlántica, unha das plataformas que máis pula pola iniciativa, e non repetir as eivas de En Marea.

"Aquilo foi o que foi e o que buscamos é que haxa máis participación, de base cidadá e desde abaixo", explican fontes da marea coruñesa, que se di "moi satisfeita" co camiño que están a levar estes encontros municipalistas, que celebrarán a súa cuarta xuntanza no vindeiro mes de marzo en Ourense. Será alí cando se aproben definitivamente os "principios básicos" deste proceso de confluencia que xa foron plasmados nun texto con achegas dos representantes á reunión. 

En marzo aprobaranse os "principios básicos" da confluencia: democracia, defensa do tecido produtivo, xustiza social, lingua e cultura e servizos públicos polo ben común

Son os "marcos comúns e idiosincráticos do movemento municipalista" centrados en varios principios fundamentais: radicalidade democrática e defensa do tecido produtivo, xustiza social, lingua e cultura e servizos públicos en aras do ben común. "E sempre -aclara a Marea Atlántica- desde a honestidade, a transparencia e  participación cidadá". 

Mentres, os grupos de traballo (Mediación, Feminización, Comunicación Interna, Mapa Territorial, Principios Básicos, Código Ético, Programa Participativo, Primarias e Forma de Goberno) continúan o seu labor e dando contas nas diferentes reunións, ao tempo que se avanza en cuestións de redacción e validación dun futuro programa electoral. 

A clave agora é o papel que os partidos que formaron parte de En Marea -e outros que se poidan unir- asuman esta construción da confluencia. Desde as mareas municipalistas insístese en que se sumen e apoien o proceso "que se forme desde abaixo" para que a candidatura non acabe por ser unha alianza de siglas de última hora. Tamén por iso, as plataformas locais din traballar con tempo que evite apuros de última hora que poña atrancos no camiño. Ademais, advirten de que esta é a única forma de activar a "ilusión" da cidadanía e lograr que esa Marea para o país sexa unha verdadeira alternativa ao PP

Desde a xuntanza insístese en que "son cada vez máis" as representantes das plataformas locais que se achegan ás xuntanzas. Desta vez, en Lugo, foron 25 os procesos municipalistas presentes e case un cento de persoas. Entre os asistentes, rexedores como os da Pobra e Manzaneda, o voceiro de Lugonovo, Santiago Fernández Rocha, ou o de ACE, Carlos Portomeñe. 

"Confírmase a ilusión crecente e o compromiso por estender ao conxunto de Galicia o proceso"

O encontro, segundo a Marea Atlántica, "confirmou a ilusión crecente e o compromiso por estender ao conxunto de Galicia un proceso que supón unha nova forma de facer política, desde abaixo, a favor dos verdadeiros intereses da xente e con inequívoca vocación de gañar as eleccións galegas de 2016 e gobernar o país con outros códigos e sobre outros alicerces".

Xuntanza das mareas municipais en Lugo © Marea Atlántica

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.