As mareas reprochan ao PSOE que pida apoio no Congreso mentres pon "atrancos" nos concellos

Noriega e Ferreiro, tras unha conferencia de Vicenç Navarro © Antía García Sendón

A nova baza do PSOE para presionar a Podemos, En Marea e outras forzas de esquerda co obxectivo de que apoien a investidura de Pedro Sánchez malia o seu pacto con Ciudadanos son os denominados "alcaldes do cambio". A nivel estatal, pero tamén a nivel galego, a interpretación das palabras da rexedora de Madrid, Manuela Carmena, serviulle aos socialistas para lembrar ás candidaturas municipalistas que gobernan grazas ao seu apoio na investidura. Mesmo César Luena, secretario de Organización, aumentou este venres o órdago advertindo que "o nivel de esixencia é alto e seguirá sendo moi alto" nos municipios onde confluencias apoiadas pola formación morada manteñen alcaldes

O PSOE estatal advirte ás candidaturas de confluencia que "o nivel de esixencia nos concellos que gobernan "seguirá a ser moi alto"

Desde estas candidaturas, e nomeadamente desde as mareas en Galicia, a actitude do PSOE vese como unha chantaxe. O propio PSdeG, a través do seu líder José Ramón Gómez Besteiro, lembrou o xoves que o seu partido apoiou estas candidaturas de unidade "despois das últimas eleccións municipais porque entendeu que era o momento do cambio e dixo si a ese cambio”. 

A resposta desde os gobernos das mareas non se fixo agardar. Lembraron que eles tamén apoiaron un goberno de cambio na Deputación da Coruña liderado no PSdeG, advertiron que os socialistas non lle fixeron ningún favor e lembran que a actitude do PSOE nos concellos gobernados por candidaturas de confluencia non é precisamente facilitadora. 

Ferreiro lembra que a Marea apoiou un goberno do PSdeG na Deputación, onde "favorece a gobernabilidade": "no Concello é máis dubidoso dicilo"

"O PSOE non nos fixo ningún favor na investidura; buscaron un goberno afín, coma nós na Deputación", asegurou o alcalde da Coruña pola Marea Atlántica, Xulio Ferreiro, que advertiu que os votos da súa formación "foron esenciais" para apoiar na institución provincial "un goberno integrado polo PSdeG e o BNG". 

Ferreiro foi máis aló: "Entendo que o grupo socialista apoiou a Marea porque era garantía dun cambio real e porque había unha maioría social que o demandaba, do mesmo xeito que a Marea o fixo na Deputación". Segundo o alcalde coruñés, no organismo provincial a súa formación "favorece a gobernabilidade día a día, cuestión que no Concello da Coruña é máis dubidoso dicir". 

Noriega asegura que a "relación" co PSOE no Concello de Santiago "non foi facilitadora nin de moito amor"

Martiño Noriega, alcalde de Santiago por Compostela Aberta, incidiu na mesma situación e recordou que a "relación destes meses" da súa formación co PSdeG no Concello "non foi facilitadora nin de moito amor". "Esperemos que cambie no debate orzamentario", dixo, aínda que aclarou tamén que estas diferenzas "non deberan condicionar" as negociacións que se dan a nivel de Estado. Xulio Ferreiro, respecto aos debates para a investidura no Congreso, cre que "se o PSOE quere os votos das forzas que están á súa esquerda, talvez debera mirar para elas no hemiciclo". 

Ademais, desde Anova, advírtese do paradoxo de que o PSOE reclame o apoio de En Marea e Podemos no Congreso mentres pon "atrancos" ás mareas en Galicia. "A actitude do PSdeG, tanto na Coruña como en Compostela, é a de intentar poñer todas as pedras no avance dos partidos do cambio", dixo Rafael Dopico, secretario de Organización da formación nacionalista, que cre que "xa quedou demostrado que os socialistas non tiveron intención de conformar unha maioría de esquerdas". 

En canto ás críticas de Pedro Sánchez e Gómez Besteiro á defensa do dereito a decidir por parte de En Marea, Dopico respondeu: "Desde logo, se consideran que Galicia non é unha nación, un suxeito político, é evidente que vai ser moi difícil abordar unha reconfiguración do modelo de Estado do PSOE".  Martiño Noriega, pola súa banda, asegurou que os principios "non se deixan de defender por ser ou non (máis) prioritarios", malia dicir entender xenericamente as palabras do líder do PSdeG. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.