As mocidades de CxG fan un chamamento "ao sector crítico das XSG" para a súa integración na MNG

Balbina Gándara CC-BY-NC-SA MNG

A Secretaria Xeral da Mocidade Nacionalista Galega, Balbina Gándara, vén de facer un chamamento "ao sector crítico das XSG" para a súa integración na MNG. Gándara considera “total e absolutamente imposible que o PSdG-PSOE asuma posicións galeguistas”, ademais de tamén crer "improbable" que "mude a súa política económica e social". 

A MNG diríxese en especial aos integrantes da candidatura Somos Presente, artellada para o recente congreso das Xuventudes Socialistas. “Se os mozos e mozas de Somos presente queren desenvolver un proxecto político que teña o centro de decisión en Galicia, combativo cos recortes que estamos a sufrir e coa política de austeridade, á vez que propositivo, na Mocidade Nacionalista Galega teñen o seu referente. Nós tendémoslle a man para construír xuntos”, salientou Gándara.

Neste senso, a máxima representante da MNG cre que "é moi importante que os galeguistas e os socialdemócratas compartan organización, na mocidade e tamén no ámbito partidario, neste caso en Compromiso por Galicia”, polo que incita os socialistas a “reflexionar cal é verdadeiramente o seu sitio”.

Balbina Gándara CC-BY-NC-SA MNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.