As municipais moven os marcos da esquerda galega

Pluralidade de bandeiras nunha manifestación Dominio Público @15Mmontealto

Manifestos, chamadas á unidade, plataformas cidadás pola confluencia, autonomía local para a conformación de listas ou alcaldes que reclaman liberdade para pactar as candidaturas. As vindeiras eleccións municipais, previstas para o mes de maio de 2015, comezan a rachar cos marcos presupostos da esquerda galega. A unidade de acción reclamada por diversos movementos e organizacións, a situación de grave crise e a obsesión do PP no intento de lexitimar o veto ás coalicións electorais ameaza con variar a conformación de alternativas electorais para os municipios que verán a luz en menos dun ano.

Á chamada recorrente á confluencia de Anova, Esquerda Unida ou Espazo Ecosocialista únense agora varios alcaldes do BNG que, en contra da tese actual da cúpula da fronte, reclaman liberdade para poder pactar listas abertas nas que se inclúan organizacións estatais como EU ou mesmo Podemos e poder conformar así unha especie de fronte popular co que competir nas vilas e cidades contra o bipartidismo e a fortaleza da dereita do PP.

Alcaldes do BNG e cargos de Anova, EU e CxG coinciden en apoiar o manifesto Somos Maioría

As sinaturas que se xuntan no manifesto Somos Maioría, que aposta por listas abertas arredor dun proxecto de esquerdas alternativo que respecto o dereito a decidir, deixan claro que algo se está a mover no panorama do nacionalismo e da esquerda galega. Alcaldes do BNG como os de Monforte, Zas ou Monforte, ademais de concelleiros do Bloque doutras comarcas, unen a súa firma neste texto a responsables de Anova e caras visibles de Esquerda Unida ou Compromiso por Galicia, entre outros.

Na Coruña, o manifesto da Marea Atlántica, que procura un espazo de confluencia para unha posible candidatura cidadá aos comicios locais, foi recibido con boas palabras e eloxios por EU, Anova, os ecosocialistas e CxG, pero tamén por dirixentes do Bloque. E acumula xa máis de 1.100 sinaturas. En cidades como Ourense ou Compostela comezan a agromar tamén intentos para buscar unha unidade que remate nunha candidatura popular de cara ás municipais. En Pontevedra, as chamadas a unha alternativa integradora tamén reúne varias voces. E ninguén quere quedar fóra de xogo.

Movementos en Ourense ou Compostela procuran un proceso semellante ao da Marea Atlántica na Coruña

Compromiso por Galicia deu un primeiro paso oficial logo de que o seu Consello Político Nacional acordase deixar en mans das súas agrupacións locais a fórmula en que se presentará a organización nas vindeiras eleccións municipais. A estratexia é compartida por Anova e EU, que levan tempo chamando á unidade. Mesmo no último Día da Patria, a formación que lidera Xosé Manuel Beiras insistiu na creación de listas "de base cidadá" e na necesidade dunha "fronte popular" contra a dereita, con candidaturas populares "sen acordos por arriba e nas que sexa o pobo quen máis ordene".

O Bloque, nese mesmo 25 de xullo, tendeu tamén a man e chamou á "unidade de forzas", pero acoutándoa ao nacionalismo. Xavier Vence puxo a "ruptura co españolismo" como condición para esa confluencia e aclarou que o BNG non é partidario dun modelo de "espontaneidade cidadá desorganizada" por non servir, segundo dixo, para derrotar un PP "cun exércido disciplinado". Iso si, segue a apostar polas asembleas abertas en canto remate o verán.

A cúpula do Bloque segue acoutando a "unidade de forzas" ás organizacións nacionalistas e autoorganizadas no país

Non obstante, xa son varias as voces dentro do Bloque que reclaman unha maior apertura, especialmente de cara ás municipais, coa intención de sumar forzas que permitan derrotar a dereita nunha fronte da que non excluirían nin a EU nin a Podemos. A formación de Pablo Iglesias vén de desvelar que non presentará candidaturas locais en todo o Estado -ante a falta de estrutura e o temor aos "paracaidistas"- e di estar disposta a apoiar candidaturas e plataformas cidadás ao estilo de Guanyem Barcelona e Marea Atlántica.

Os movementos provocan efectos e, por exemplo, na comarca das Mariñas, xa foron varias as voces que apostaron pola unidade. CxG ve claras posibilidades de confluír con AGE (Anova e EU) na bisbarra e abre a porta ao BNG, que fixo un "chamamento a todas as persoas boas e xenerosas para deseñar conxuntamente unha alternativa nacionalista e de esquerdas para os concellos" da comarca.

Queda por ver agora se esta confluencia que semella afortalarse aos poucos en moitos lugares inclúe a todos os actores ou non. Os marcos, desde hai tempo, parecen moverse.

Xavier Vence e Xosé Manuel Beiras CC-BY-SA Praza Pública
Pluralidade de bandeiras nunha manifestación CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.