As obras do AVE cortan 15 días a liña entre Ourense e Zamora e os pasaxeiros viaxarán en autobús

Viaduto en construción para o AVE entre Puebla de Sanabria e o túnel do Padornelo CC-BY-SA Praza Pública

Adif volve modificar as súas previsións oficiais, que contemplan restricións de velocidade durante varios meses

Desde a noite do próximo mércores día 8 de maio e ata a noite do xoves 23 incluído, durante 15 días, a liña ferroviaria entre Ourense e Zamora estará cortada á circulación de todo tipo de trens e os pasaxeiros de Renfe serán transportados por autobús entre esas dúas cidades. O corte está motivado por obras necesarias para o remate da liña de alta velocidade e supón unha nova modificación das previsións oficiais de Adif, que anunciara menos días seguidos de interrupción e que contemplan restricións de velocidade dos trens durante varios meses.

Co comezo do ano Adif fixera públicas as súas previsións oficiais de cortes ou afectacións á circulación en toda a súa rede estatal por diversos motivos. Naquel documento, avanzado por Praza.gal, a empresa pública contemplaba que os traballos necesarios para rematar as obras da liña de alta velocidade, conectala coa rede actual e mellorar diversos puntos desta polos que seguirán a circular os AVE precisarían de diversos cortes do tráfico, pero o de maior duración, para acondicionar o trazado convencional entre Taboadela e Ourense, no que non haberá liña de alta velocidade aínda durante varios anos, ía durar só cinco días seguidos, aos que se sumarían outros cinco cortes de 50 horas. Agora Adif aproveitará para facer ao tempo, sen tráfico, obras de adaptación do actual túnel do Padornelo, que seguirá a ser empregado polos trens de alta velocidade, traballos que antes se prevían realizar sen cortes da circulación. Tamén realizará reformas nas estacións zamoranas de Puebla de Sanabria e Pedralba de la Pradería, na que a liña de AVE rematará este ano conectando coa convencional.

Restricións de tráfico previstas por Adif e obras do cambiador de ancho que en 2019 conectará nas proximidades de Sanabria, na localidade de Lobeznos, a nova liña de AVE desde Zamora coa vía convencional que segue cara a Ourense CC-BY-SA Praza Pública

Ademais do corte de tráfico, durante varios meses a circulación de trens entre Zamora e Ourense estará condicionada en varios puntos por limitacións de velocidade de ata 30 quilómetros por hora

Agora Adif une eses cortes en 15 días seguidos e deixa no aire posibles cortes puntuais posteriores necesarios para acometer outras actuacións. Un incumprimento das súas previsións que se suma ao xa reiterado incumprimento das datas previstas de apertura de novos treitos que lle vén censurando a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC).

As previsións de Adif tamén contemplan que, ademais dos cortes de tráfico, durante varios meses a circulación de trens entre Zamora e Ourense estará condicionada en varios puntos por limitacións de velocidade de ata 30 quilómetros por hora. Estas restricións de velocidade por obras non só condicionarán as viaxes mentres se rematan os novos treitos do AVE que entrarán en servizo en 2019 (entre Zamora e Sanabria) e 2020 (entre Sanabria e Taboadela, a 17 quilómetros de Ourense) senón que nos seus primeiros meses en funcionamento as ganancias de tempo non serán tan importantes como unha vez que rematen eses traballos pendentes, cando se prevé que a viaxe entre Ourense e Madrid ronde as dúas horas e media. En todo caso, unha vez completadas esas obras pendentes, aínda quedarán anos de traballos para que poida entrar en servizo o antedito treito intermedio de 17 quilómetros entre Taboadela e Ourense no que aínda non se moveu unha pedra e que suporá unha illa intermedia nos máis de 500 quilómetros de alta velocidade que existirán entre Santiago e Madrid.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.