Os novos treitos do AVE que se abrirán en 2019 e 2020 terán durante meses obras intercaladas que limitarán a velocidade

Restricións de tráfico previstas por Adif e obras do cambiador de ancho que en 2019 conectará nas proximidades de Sanabria, na localidade de Lobeznos, a nova liña de AVE desde Zamora coa vía convencional que segue cara a Ourense CC-BY-SA Praza Pública

Este ano poranse en servizo un cento de quilómetros entre Zamora e Sanabria e o próximo outro tanto ata as proximidades de Ourense, pero Adif xa prevé traballos pendentes que obrigarán a frear os trens en varios puntos a 30 por hora

Ao longo deste 2019 está previsto que entren en servizo un cento de quilómetros de AVE entre Zamora, a onde xa chega a liña desde Madrid, e Sanabria, e en 2020 outro tanto entre ese punto e Taboadela, nas proximidades de Ourense. Porén, a liña non estará aínda rematada na súa totalidade e Adif xa prevé traballos pendentes que durante meses obrigarán a frear os trens en varios puntos intercalados entre os novos treitos de alta velocidade, nalgún caso con limitacións de 30 quilómetros por hora. Así o reflicte no documento oficial co que comunica ás empresas ferroviarias as restricións ao tráfico previstas para os próximos meses. 

Entre Zamora e Sanabria as obras do AVE están a piques de rematar e comezarán as viaxes de probas para que, unha vez avaliada a liña po parte da Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria, poida entrar en servizo ao longo deste ano. Iso permitirá reducir os tempos de viaxe entre Galicia e a Meseta en preto dunha hora, de xeito que se actualmente entre Ourense e Madrid duran preto de catro horas e media, pasarán a facerse na contorna das tres horas e media, xa notablemente máis rápido que en vehículo particular.

Porén, antes de que iso ocorra Adif ten que enlazar na contorna de Sanabria, na localidade de Lobeznos, ese novo treito de alta velocidade que chega desde Zamora coa vía convencional para que os trens, tras pasar por un cambiador de ancho, poidan seguir viaxe polo trazado actual ata Ourense mentres se remata ese seguinte treito. Esa conexión das vías (non a entrada en servizo comercial, que será posterior), prevé Adif que ocorra no primeiro trimestre de 2019 e implicará un corte da circulación durante “16 horas ininterrompidas”.

Situación das obras do AVE entre Zamora e Ourense CC-BY-SA Praza Pública

A adaptación do actual túnel do Padornelo para o AVE requirirá obras que Adif prevé que duren 20 meses e que implicarán limitacións de velocidade de 30 quilómetros por hora

Posteriormente, a finais de 2019, Adif comezará a adaptar para a alta velocidade o antigo túnel do Padornelo polo que terán que seguir circulando os trens antes de que en 2020 se poña en servizo o seguinte treito de AVE entre Sanabria e Ourense. Así como en todo o resto da liña Adif está a executar dúas novas vías paralelas para o AVE, nese punto só construíu un novo túnel e prevé seguir empregando tamén o subterráneo vello paralelo. Iso require dunhas obras para a súa adaptación que se prevé que se prolonguen 20 meses e que implicarán limitacións a 60 quilómetros por hora nos máis de seis quilómetros de lonxitude do túnel, restrición que será aínda inferior, a 30 por hora, nos 300 metros en que se concentren os traballos en cada momento.

Tamén ao longo de 2019 Adif prevé iniciar as obras de adaptación provisional para o AVE do treito convencional duns 17 quilómetros de entrada a Ourense desde a localidade de Taboadela. Alí a nova liña de alta velocidade non está nin deseñada, polo que os trens terán que seguir empregando a actual, que será modificada cuns traballos que Adif prevé que duren 15 meses e que implicarán limitacións de velocidade a 30 quilómetros por hora ao longo dos dous quilómetros nos que en cada momento se vaian realizando as obras. Para esas obras Adif tamén prevé “un corte de vía ininterrompido de 5 días” e “5 cortes de vía de 50 horas”, así como que reorganizar os horarios dos trens de viaxeiros “nas fases con máis limitacións”.

Restricións de tráfico entre Zamora e Ourense previstas por Adif Dominio Público Adif

No seu documento de previsións, Adif tamén inclúe traballos que afectarán ao tráfico na liña convencional entre León e Monforte

Estas restricións de velocidade por obras non só condicionarán as viaxes mentres se rematan os novos treitos do AVE que entrarán en servizo en 2019 e 2020 senón que nos seus primeiros meses en funcionamento as ganancias de tempo non serán tan importantes como unha vez que rematen eses traballos pendentes, cando se prevé que a viaxe entre Ourense e Madrid ronde as dúas horas e media. En todo caso, unha vez completadas esas obras pendentes, aínda quedarán anos de traballos para que poida entrar en servizo o antedito treito intermedio de 17 quilómetros entre Taboadela e Ourense no que aínda non se moveu unha pedra e que suporá unha illa intermedia nos máis de 500 quilómetros de alta velocidade que existirán entre Santiago e Madrid.

No documento oficial co que avanza as súas previsións de obras que restrinxirán o tráfico durante 2019 en toda a súa rede, Adif tamén inclúe traballos na liña convencional entre León e Monforte que implicarán limitacións de velocidade en Astorga e en Torre del Bierzo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.