Os trens de alta velocidade de ancho estándar ou internacional, os que ata o de agora viñan sendo coñecidos como AVE propiamente dito, non poderán pasar, polo menos nunha primeira fase, da estación de Ourense cando en 2020 comecen a chegar a Galicia coincidindo co remate do groso da liña á Meseta. Adif, a empresa pública xestora da rede ferroviaria, vén de autorizar a licitación da adaptación da praia de vías da estación de Ourense para eses novos tráficos cunha configuración que fai que as vías de ancho internacional rematen alí e só as de ancho ibérico sexan pasantes.
Modifica a disposición das vías de xeito que só os trens con ancho ibérico poderán continuar cara ao resto de Galicia mentres que os de alta velocidade con ancho internacional non poderán pasar de alí
A nova configuración de vías da estación de Ourense foi criticada hai uns meses polo PSdeG por considerar que implica que o AVE como tal non pase de Ourense cara ao resto de Galicia. Unha situación cuxa orixe está no atraso que acumula o último treito da liña entre a Meseta e Galicia, uns 17 quilómetros entre a cidade de Ourense e Taboadela, onde aínda non se moveu unha pedra e que a Xunta asume que non estará rematado ata polo menos 2024. No resto de treitos desde Zamora, a onde xa chega o AVE, os traballos están moi avanzados e a previsión de Adif é que a finais de 2019 poidan circular trens de probas para que os servizos con viaxeiros comecen en 2020.
Porén, ante o atraso do treito de nova vía entre Taboadela e Ourense, os trens deberán seguir empregando nesa zona a actual vía, que será adaptada: Engadiráselle un cambiador de ancho para que os trens Alvia de ancho variable como os que prestan agora o servizo de longa distancia, máis lentos que os AVE, poidan aproveitar toda a nova liña entre Madrid e Taboadela, e tamén incorporará un terceiro carril para que os trens AVE de ancho internacional poidan circular por ese treito. Pero estes últimos, á vista da nova configuración de vías da estación de Ourense, rematarán as súas viaxes nela e non continuarán cara ao resto de Galicia.
Malia as reiteradas críticas da Comisión Nacional da Competencia, Adif non fai públicos de xeito oficial os seus plans para a futura configuración definitiva da rede ferroviaria galega
Adif, malia as reiteradas críticas da Comisión Nacional da Competencia, non fai públicos de xeito oficial os seus plans para a futura configuración definitiva da rede ferroviaria galega, pero varias fontes non oficiais indican que esa configuración de vías que agora se vai executar sería unha primeira fase á espera de que nunha segunda, cando o treito novo de Taboadela estea rematado, os AVE de ancho internacional xa si poidan superar a estación de Ourense.
En todo caso, de xeito paralelo Renfe ten previsto incorporar nos próximos anos trens AVE de ancho variable, denominados Avril, que si poderían superar a estación de Ourense cara ao resto de Galicia pola vía convencional grazas ao cambiador de ancho de Taboadela e prestar servizo a unha maior velocidade que os Alvia actuais. Por outra banda, a configuración de vías que agora vai executar Adif permítelle gañar tempo para decidir como vai dar continuidade nese ámbito da estación de Ourense, ao igual que noutros puntos conflitivos especialmente no Eixo Atlántico, aos trens convencionais e de mercadorías que por alí pasen. Ademais, os tempos de execución do AVE galego están a ser tan longos que non sería a primeira vez que o resultado final para o usuario sexa distinto ao previsto inicialmente por Adif.