As mareas cidadás que están a agromar nas cidades co obxectivo de acadar unha confluencia popular de cara ás vindeiras eleccións municipais prenden tamén noutras vilas e localidades galegas. A consolidación de proxectos como a Marea Atlántica -que cumpriu coa súa primeira fase e xa anunciou que se presentará aos comicios- ou o avance doutras iniciativas como Ourense en Común, Marea de Vigo, Compostela Aberta, Marea de Pontevedra ou Marea Ártabra ameazan con mover os marcos da política municipal de aquí á cita coas urnas, pero tamén a partir dela.
As iniciativas cidadás que agora prenden en varias vilas apóianse no manifesto inicial de Somos Maioría
Á diferenza dos procesos xurdidos nas cidades -a partir dun manifesto común, do aval cidadá e de posteriores achegas cos partidos políticos dispostos a confluír nas plataformas-, as iniciativas que agora aparecen en vilas grandes, medias e incluso pequenas apóianse no documento inicial de Somos Maioría, proxecto que aposta por listas abertas nos concellos arredor dun proxecto de esquerdas alternativo que respecte o dereito a decidir. Entre as súas sinaturas coincidiron as de alcaldes do BNG como os de Monforte ou Zas, ademais de concelleiros do Bloque doutras comarcas, xunto a responsables de Anova e caras visibles de Esquerda Unida ou Compromiso por Galicia, entre outros.
Agora, e en base a ese manifesto inicial que "promove e alenta candidaturas cidadáns plurais a partir do protagonismo directo da cidadanía, coa procura da harmonía de principios comúns e programas concretos", en localidades como Redondela, Sober, Vilagarcía, Pontedeume, Noia, Narón, Cabanas, Fene, Monforte ou Vilalba trabállase xa na posibilidade de artellar unha candidatura común da esquerda aos comicios locais. Tamén na cidade de Lugo se intenta unha confluencia.
Redondela, Sober, Vilagarcía, Pontedeume, Noia, Narón, Cabanas, Fene, Monforte ou Vilalba traballan xa na posibilidade dunha candidatura cidadá
Asinantes do manifesto a nivel galego de Somos Maioría convocaron xuntanzas en cada unha destas localidades nas que marcaron a folla de ruta a seguir nos seguintes meses. Na maioría dos casos, mantéñense xa xuntanzas con movementos sociais e organizacións políticas, como no caso de Vilagarcía, onde se decidiu comezar as reunións con aquelas forzas que non teñen representación no Concello como Anova, CxG, Equo, Espazo Ecosocialista e Podemos.
No caso de Lugo, constituíuse xa un grupo dunhas quince persoas coas que se intenta divulgar a iniciativa, buscar máis apoios e preparar unha futura asemblea que a finais de outubro pretende asentar o proxecto de cara ás municipais. Eses integrantes entre os que se atopan varios ex concelleiros do Bloque, serán tamén os encargados se levar a cabo os primeiros contactos con partidos políticos e organizacións sindicais e sociais.
En Lugo xa se constituíu un grupo para divulgar a iniciativa e manter contacto con organizacións políticas, sociais e sindicais
Pero hai máis exemplos, en Sober estanse a recoller máis sinaturas e divulgando o manifesto para, a finais de outubro, intentar "materializar unha alternativa cidadá". O 8 de novembro convocarase unha xuntanza aberta para promover esta confluencia de cara aos comicios locais, "baixo as premisas da radicalidade democrática e cordinación con outras candidaturas cívicas a nivel galego en defensa dos dereitos sociais e da autodeterminación do pobo galego", ademais de "comezar a elaborar un programa de xeito colaborativo".
Tamén se avanza en Redondela, onde os impulsores piden "unir forzas para acadar o goberno local" e conformar unha candidatura "de unidade cidadá que aglutine todos os esforzos e enerxías da esquerda social e da esquerda organizada en partidos, cunha visión aberta e integradora, de concello e de país". Neste caso, a localidade conta xa cunha candidatura cidadá de esquerdas (a Agrupación de Electores de Redondela) con representación no Concello, polo que a iniciativa de Somos Maioría quedou moi diminuída, xa que parece difícil que formacións como FPG, EU ou Anova participen nela, e tamén ao advertirse por parte da cidadanía un posible intento da ocupación do espazo da xa constituída plataforma asemblearia.
Non ocorreo o mesmo en Monforte, onde se abriu o debate por unha lista aberta que non descarta liderar o actual alcalde do BNG, Severino Rodríguez.
Os proxectos impulsados ao acubillo de Somos Maioría, tal e como aclara a iniciativa, non son para nada incompatibles co resto de mareas que están a aparecer por Galicia adiante. De feito, e tras o referendo telemático convocado entre os asinantes, o proxecto acordou moi maioritariamente dar impulso ás candidaturas de unidade cidadá e propoñer a confluencia cos diferentes movementos.