As sondaxes de La Voz e ABC aseguran unha vitoria de Feijoo

Sondaxes de La Voz e ABC Dominio Público Praza Pública

La Voz e ABC publican senllas sondaxes este domingo que coinciden en prognosticar unha clara maioria absoluta ao PP. Outórganlle 39 e 40-41 escanos, respectivamente e tamén auguran un forte descenso do PSdeG, que caería até os 22 (Voz) ou 18-19 (ABC). As dúas enquisas diverxen nos resultados restantes: La Voz dálle 12 escanos ao BNG e 2 a AGE. E ABC dálle 8 escanos ao BNG, 7 a AGE e 1 a CxG.

Segundo La Voz, o PP subiría un escano por Ourense e Pontevedra e o perdería pola Coruña. O PSdeG-PSOE tería descensos na Coruña, Lugo e Pontevedra. O BNG gañaría un pola Coruña e perderíao por Ourense. E AGE tería representación pola Coruña e Lugo. PP PSOE e BNG perden votos con respecto ao 2009: os populares algo máis de dous puntos os socialistas ao redor de cinco e os nacionalistas unhas décimas. Esta enquisa realizouse do 2 ao 5 de outubro e continuará nos vindeiros días con entregas díarías.

La Voz tamén inclúe datos de valoración de líderes. Feijoo é o que acada unha mellor nota (5,16), seguido de Beiras (4,11) Pachi Vázquez (3,87), Jorquera (3,62), Bascuas (3,27), Canedo (2,92) e Conde (2,03). Segundo a sondaxe máis da metade dos galegos cren que o PP non vai conseguir maioría absoluta o 21-0, fronte a un 27% que si o cre. O PP é o partido con maior fidelidade de voto (57%) por diante de PSdeG e BNG que só reteñen o 46% e o 40% dos seus votos. Porén, apenas se rexistran trasvases de voto entre os partidos: o máis importante é o 5% de votos do BNG en 2009 que agora votarian AGE.

Segundo ABC, o PP gañaría un escano pola Coruña e outro por Pontevedra, manteríase en Lugo e podería manterse ou subir un por Ourense. O PSdeG-PSOE sufriría unha abrupta caída na Coruña e Pontevedra, perdendo tres escanos en cada provincia, en Lugo manteríase e en Ourense podería manterse ou baixar un. O BNG perdería un escano por circunscrición segundo esta sondaxe. Os descensos de PSdeG e BNG serían aproveitados sobre todo por AGE, que entraría con forza no Parlamento con 7 escanos: 3 pola Coruña 3 por Pontevedra e 1 por Lugo. CxG obtería así mesmo un escano pola provincia de Ourense. Esta enquisa realizouse do 1 ao 4 de outubro.

Sondaxes de La Voz e ABC Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.