As sondaxes sitúan a Colau e Carmena en cabeza

Ada Colau e Manuela Carmena © El Diario

Vai ser unha noite longa. As enquisas a pé de urna para as eleccións autonómicas e municipais ofrecen resultados diversos e, en calquera caso, moi axustados. Manuela Carmena e Ada Colau serían as candidatas máis votadas en Madrid e Barcelona, superando por pouco a Esperanza Aguirre a Xavier Trias. Na capital catalá, Barcelona en Comú obtería entre 10 e 12 concelleiros, por diante de CiU (9-11), PSC (4-5), C'S (4-5), ERC (3-4) e CUP (3-4). Na capital do Estado, Ahora Madrid tería entre 20 e 23, por diante do PP (19-22), PSOE (9-10) e C'S (6-7), un panorama moi axustado pero que aseguraría unha maioría absoluta sumando os edís de Ahora Madrid e PSOE. Tamén hai cambios importantes noutras cidades, como Zaragoza, onde Zaragoza en Común sería a forza máis votada (9-11), superando a PP (8-9), PSOE (5-6), C'S (4-5) e CHA (1-2). 

O PSOE podería gobernar as comunidades de Aragón, Madrid e Asturias. Na Comunidade de Madrid, aínda que o PP sería a forza máis votada, a suma de PSOE e Podemos superaría os escanos de Cristina Cifuentes. En Aragón o PP de Luisa Fernanda Rudi seguiría sendo o partido máis votado (20-23 escanos), seguido de PSOE (16-18), Podemos (14-16), Ciudadanos (7-8), PAR (5-6), Chunta Aragonesista (2-3) e IU (1-2). Asturias sería a única comunidade na que o PSOE sería a forza máis votada, cunha cómoda vantaxe sobre o PP e con Podemos de terceira forza. Foro resistiría no terceiro posto con Ciudadanos pisándolles os talóns. IU tería tamén unha pequena representación.

En cambio, na Comunidade Valenciana, o PP podería manter o seu goberno, sumando os seus escanos (entre 35 e 37 escanos) e C'S (entre 13 e 14). O PSPV-PSOE acadaría 22 ou 23 escanos, Compromís chegaría ata 15 ou 16 e Podemos quedaría con 11. Esquerra Unida podería quedar fóra. En Estremadura o PP de Monago sería tamén o máis votado, con entre dous e tres escanos de vantaxe sobre o PSOE. Ciudadanos sería a terceira forza por diante de Podemos. Tamén poderían gañar os populares en Castela A Mancha, pero estarían ao borde da maioría absoluta: os populares terían entre 15 e 17 escanos (a maioría absoluta está en 17). O PSOE quedaría moi preto, a tres puntos, pero con entre 13 e 15 escanos. Podemos acadaría o 9,9% (1-2) escanos) e Ciudadanos un 7% (1-0).

Ada Colau e Manuela Carmena © El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.