As Xuventudes Socialistas reivindican o europeísmo "dinamitado pola dereita"

Bandeira da UE Dominio Público Praza Pública

As Xuventudes Socialistas de Galicia conmemoran o día de Europa, este 9 de maio, coa campaña Non a unha Europa de dereitas. Por unha Europa de dereitos. Os mozos e mozas denuncian as políticas levadas a cabo na UE "pola dereita conservadora liderada por Angela Merkel e respaldada en España por Mariano Rajoy e o Partido Popular".

O seu secretario xeral, Aitor Bouza, advirte de que “a política neoliberal da dereita xera na cidadanía europea desconfianza e desafección polas institucións comunitarias”. “Non podemos permitir que Merkel e os seus secuaces acaben co sentimento europeo a base de retallos inxustos que asfixian importantes políticas sociais baixo un trasfondo ideolóxico agochado como suposta austeridade”.

En relación a estas reducións orzamentarias, o líder das XSG esixiu á “maioría conservadora que dirixe as políticas da Unión Europea" que “cese de afogar aos estados membros marcando obxectivos de déficit sen ter en conta o sentir e as necesidades da cidadanía”. “O contexto de crise económica actual non pode servir de escusa para atacar os dereitos adquiridos nos últimos anos”, engadiu.

Bouza reclamou “un Pacto Europeo polo emprego que aumente as partidas orzamentarias centrándose en países como o noso que conta cunha elevada taxa de desemprego xuvenil”. Bouza amosou o desexo da mocidade de “acadar unha Europa unida que destaque pola axuda mutua dos estados membros en prol dos intereses da cidadanía. Temos que constituír un referente dentro da Unión para estender este sentimento atacado polo escepticismo xustificado pola dereita”.

Bandeira da UE Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.