As Xuventudes Socialistas sitúan a Aitor Bouza como secretario xeral

Aitor Bouza, novo secretario xeral das XSG CC-BY-NC-SA XSG

Aitor Bouza, estudante de dereito e de 21 anos de idade é dende esta fin de semana o novo secretario xeral das Xuventudes Socialistas de Galicia. O 96,05% dos votos (73 a favor, 3 abstencións) dos votos emitidos no Congreso Nacional das mocidades do PSdeG serviron para elevar a Bouza ao liderado despois de que a outra candidatura, Somos presente, encabezada por Chema Castrillo, decidise retirarse do proceso ao considerar que estivera afectado por "irregularidades" nas acreditacións.

Tras ese inicio accidentado e despois de xuntar a práctica unamidade dos sufraxios o novo líder xuvenil dos socialistas galegos asegurou que os seus esforzos se centrarán en "demandar" do Goberno galego "algo máis que maletas", en referencia ao agasallo outorgado pola Consellería de Educación aos premios de fin de carreira, "como única alternativa para os mozos e mozas". Isto, ao seu xuízo, é o único que "oferta" o actual presidente, Alberto Núñez Feijóo. 

O achegamento aos movementos sociais ou procurar que o conxunto do PSdeG gañe en "credibilidade" ante a cidadanía son outros dos retos que se marca Aitor Bouza, quen tamén aproveitou a súa intervención para apoiar o procedemento de primarias para renovar a secretaría xeral do partido. El, pola súa banda, di, "loitará" porque o procedemento aprobado no Comité Nacional chegue a bo porto, no seu caso pulando por que a militancia de Xuventudes exerza a "máxima participación".

Pachi Vázquez defende o proceso de primarias fronte ao PP, que "transmite os seus cargos en herdanza"

Quen tamén se referiu ao proceso de primarias foi o secretario xeral do partido, Pachi Vázquez, que este domingo acudiu a Poio para clausurar o congreso. Xuventudes Socialistas, di Vázquez, debe ser a "sala de máquinas, o motor do cambio social"  no que tamén enmarca a votación aprobada polo Comité o pasado venres. "Abrimos un espazo de participación" porque "cando á sociedade lle falas de política responde que quere participar, que quere falar". "A partir de agora -afirma- todas as federacións socialistas terán un regulamento" para celebrar primarias, "como se fai nos países máis avanzados de Europa". O PP, pola contra -censura- seguirá a "transmitir os seus cargos en herdanza", en referencia á familia Baltar.

Aitor Bouza, novo secretario xeral das XSG CC-BY-NC-SA XSG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.