Así comeza a campaña municipal galega

Papeletas nun colexio electoral de Compostela CC-BY-SA Praza Pública

Agora si. Tras semanas, mesmo meses de longa precampaña dende a vindeira media noite as formacións políticas poderán pedir formalmente o voto para as persoas que optan a configurar as vindeiras 314 corporacións municipais do país. Despois do terremoto político provocado por unhas eleccións habitualmente pouco relevantes, as europeas de 2014, as locais do vindeiro 24 de maio preséntanse como o primeiro gran termómetro para unha efervescente situación política que, segundo os inquéritos que se coñeceron ata o momento, se materializará en máis pluralidade e en máis necesidade de pactos para conformar gobernos, especialmente nas sete grandes cidades.

As cidades son, precisamente, os espazos elixidos polos grandes partidos para lanzaren as súas respectivas campañas. Pola banda do PP Alberto Núñez Feijóo acompañará no inicio da carreira electoral os dous últimos conselleiros que converteu en candidatos: estará con Jesús Vázquez ás oito e media en Ourense e compartirá a 'pegada de carteis' con Elena Muñoz en Vigo. Mentres, Alfonso Rueda acompañará en Pontevedra a Jacobo Moreira.

O socialista José Ramón Gómez Besteiro é o único dos líderes dos grandes partidos que abre a campaña en Compostela. Tras acudir ás oito do serán a Tui contra a media noite estará en Compostela para abrir a campaña na Praza de Praterías, lugar tradicionalmente utilizado polo BNG para abrir as campañas na cidade. O Bloque trasládase nesta ocasión á Praza Roxa, onde os socialistas colocaban habitualmente o seu primeiro cartel.

En Compostela, precisamente, iniciou a xornada o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, que xunto a Rubén Cela protagonizou un simbólico reparto de cafés na estación de autobuses da cidade, cuxa cafetaría o Concello mantén pechada. A pegada de carteis que contará coa presenza de Vence será a da Coruña, onde inaugurará a campaña co candidato, Xosé Manuel Carril, ao carón da sede da Reitoría da UDC, na Maestranza.

Plataformas municipais e outras forzas

No que atinxe ás novas candidaturas e plataformas municipais, os seus actos de inicio de campaña van dende a tradicional pegada de carteis ata outro tipo de actos máis simbólicos. Así, por exemplo, a Marea Atlántica comeza a campaña no seu local da rúa Pontejos cunha intervención do candidato á alcaldía coruñesa, Xulio Ferreiro, e a presentación do seu cartaz electoral. Pola banda de Compostela Aberta a candidatura que encabeza Martiño Noriega convoca o inicio de campaña no arco de Mazarelos, onde abrirá simbolicamente as portas da antiga muralla da cidade no marco das "trece chaves" nas que estrutura o seu programa electoral. Mentres, Lugonovo realizará un acto simbólico na contorna do Garañón, onde se ergue un polémico edificio, e despois realizará unha pegada de carteis.

En Compromiso por Galicia o acto que contará coa presenza do secretario xeral do partido, Xoán Bascuas, será o de Compostela, que compartirá o primeiro acto da campaña co candidato, Xosé Antón López, na Praza 8 de marzo. No caso de Anova o único acto de seu nunha cidade é en Ourense, onde se presenta cos siglas de seu. Mentres, a vicevoceira de AGE no Parlamento e coordinadora nacional de Esquerda Unida, Yolanda Díaz, participará no comezo de campaña de Ferrol en Común. 

Feijóo, coa súa candidata en Vigo CC-BY-SA PPdeG
Acto de Besteiro con Francisco Reyes CC-BY-NC-SA PSdeG
Vence, este venres con Cela en Santiago CC-BY-NC-SA BNG
Xulio Ferreiro e integrandes da candidatura da Marea Atlántica CC-BY-SA Marea Atlántica
Acto de CxG CC-BY-SA CxG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.