Así prevén as mareas municipais artellar a "confluencia" para as eleccións galegas

Participantes no encontro da Estrada CC-BY-SA Marea Noia

As mareas municipalistas manteñen a iniciativa no proceso de confluencia e prevén xa constituírse como espazo de inclusión e base desa futura candidatura unitaria de cara ás autonómicas. As plataformas locais contan con dar xa neste mes de marzo o paso "constituínte", elixindo un código ético e unha forma de primarias, así como establecer unha metodoloxía para acordar o programa electoral. 

As mareas prevén dar en marzo o paso "constituínte" ao aprobar código ético e principios básicos e elixir método de primarias e elaboración de programa

Na súa terceira xuntanza en Lugo, as mareas consensuaron os que serán os principios básicos dese pretendido espazo de unidade da esquerda. Será a vindeira fin de semana, o 5 de marzo en Ourense, cando se aproben definitivamente estes "marcos comúns" completados coas achegas da anterior xuntanza e que se basean na radicalidade democrática e defensa do tecido produtivo, a xustiza social, lingua e cultura e servizos públicos en aras do ben común. E verán luz logo de intensos debates nos que, entre outras cousas, acordouse dotar de maior relevancia aos sectores primarios ou á ecoloxía. 

O borrador, pendente de ser ratificado, baseouse nas achegas do grupo de traballo, así como nas recollidas da análise de principios básicos doutros procesos municipalistas galegos e mesmo de referencias xa incluídas no programa de En Marea. 

Segundo puido saber Praza, as conclusións compartidas da última xuntanza revelan a "satisfacción" das mareas municipais, pero tamén a necesidade de implicar aínda máis plataformas locais de cara a ampliar o proxecto -na última reunión houbo representantes de 25 candidaturas- e de seguir avanzando no programa, cuxo grupo de traballo aceptou xa unha proposta metodolóxica. É a forma de levar a cabo ese programa que deberá ser tamén aprobada polo conxunto das plataformas municipalistas neste vindeiro mes de marzo. 

As candidaturas municipalistas optan por un programa participativo que implique cidadanía, colectivos sociais e expertos

As mareas pretenden un programa participativo que se centre na recompilación de propostas, tanto da cidadanía e de colectivos sociais como de grupos de expertos. A idea é crear eixos programáticos e grupos de traballo que recollan achegas de técnicos e plataformas implicadas en cada tema para logo elaborar un borrador e un programa provisional. A exposición pública e a incorporación de máis achegas completaríanse cunha validación tamén cidadá. Pero falta por perfecciionar aínda o mecanismo. 

En canto ás primarias, o grupo de traballo prevé ter xa lista a finais de marzo unha proposta sobre a fórmula a empregar. Búscase o mellor método logo de analizar diferentes procesos e intentan tamén implicar máis mareas de pequenas localidades e as súas experiencias, ademais das urbanas xa analizadas. Para a elaboración do código ético, o grupo encargado traballa tamén nunha proposta para presentar o 5 de marzo en Ourense. 

En definitiva, os diferentes grupos de traballo (Mediación, Feminización, Comunicación Interna, Mapa Territorial, Principios Básicos, Código Ético, Programa Participativo, Primarias e Forma de Goberno) continúan o seu labor e darán contas na futura xuntanza. 

A clave agora é o papel que os partidos que formaron parte de En Marea -e outros que se poidan unir- asuman nesta construción da confluencia. Desde as mareas municipalistas insístese en que se sumen e apoien o proceso "que se forme desde abaixo" para que a candidatura non acabe por ser unha alianza de siglas de última hora. A idea é seguir o proceso que se deu na Marea Atlántica e lograr que estes alcerces cidadás permitan activar a "ilusión" entre a sociedade para que visualice o espazo como "a verdadeira alternativa ao PP". 

As mareas locais toman a iniciativa para adiantarse aos partidos e marcar o rumbo da confluencia

As mareas municipalistas buscan levar a iniciativa na confluencia e evitar que sexan os partidos os que o fagan. Neste mes de marzo intentan sentar as bases dun espazo que marque o rumbo desa candidatura unitaria. E farano tamén antes de que Podemos, un dos partidos que se incluíu en anteriores procesos, elixa nova dirección en abril. A formación morada, dirixida ata daquela por unha xestora encabezada polo senador José García Buitrón, afronta un conflito interno entre unha dirección -tamén a estatal- que aposta claramente pola confluencia e voces, como a do destituído Breogán Riobóo, que non descartan presentarse en solitario ás eleccións autonómicas. 

Unha das sesións do encontro da Pobra CC-BY-SA Marea Atlántica

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.