Asturias obriga a Rajoy a esquecer a lei anti bipartitos que prometera en Galicia

Rajoy, con Feijóo nun mitin en Galicia © PPdeG

"Dobre de publicidade, dobre de gasto” e  “moita máis xente facendo normas para jorobar á xente”. Poucos días antes das eleccións municipais do pasado 2011, o actual presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, definía deste xeito os gobernos de coalición durante un mitin en Santiago para apoiar a candidatura de Gerardo Conde Roa á alcaldía da capital de Galicia. Ante os entregados asistentes a unha cea mitin, un Rajoy que xa se vía en La Moncloa proclamaba que "os bipartitos e tripartitos son moi caros e ineficaces". Por iso, lanzaba unha promesa que foi acollida con entusiasmo pola parroquia popular galega: "vou promover un cambio" da Lei Electoral "para facer o que acontece no resto de países de Europa e o que gañe, goberne".

Menos dun ano despois daquel acendido compromiso, o veredito ditado polas urnas o pasado domingo en Asturias semella vir de enviar ao caixón de asuntos incumpridos a reforma electoral para deixar fóra da lei as coalicións. Tras dez meses de Goberno do ex ministro Francisco Álvarez-Cascos, os populares enfrontábanse por segunda vez á súa escisión, Foro Asturias (FAC), e nin uns nin outros lograron a confianza maioritaria da cidadanía asturiana. En primeiro lugar situouse o PSOE, con case 160.000 votos, o 32% do total, e 16 escanos -un máis que en 2011-. Mentres, o partido de Álvarez-Cascos deixou polo camiño tres deputados, quedando con 13, e o PP quedou cos dez que tiña, aínda que cuns 12.000 votos menos. Malia a estes resultados, as palabras dos líderes de FAC e PP na noite electoral permiten concluír que ambas formacións tentarán fiar o que os populares consideraban hai poucos meses como "un pacto de perdedores".

Rajoy vía nos bipartitos "dobre de gasto" e "moita xente facendo normas para jorobar" a cidadanía

Nesta liña, despois de que Álvarez-Cascos asegurase ante os seus partidarios que agora o PP e mais el están "condeados a entenderse" porque agora unha "abstención" dos seus ex compañeiros equivalería a un goberno do PSOE, a candidata popular, Mercedes Fernández, Cherines, recollía o ofrecemento entre un aire de derrota no seo do seu partido. Fernández, malia a admitir que lograra uns resultados en absoluto "satisfactorios", anunciaba a súa intención de "poñerse a traballar" coa "disposición de buscar o interés xeral" ou, o que é o mesmo, un pacto do "centro-dereita" en Asturias. Desde Madrid, a secretaria xeral do PP, María Dolores de Cospedal, confirmaba que o seu partido ten "disposición ao diálogo e ao consenso" coas forzas "diversas" da nova Xunta Xeral do Principado.

Así as cousas, na formación que goberna España e Galicia o revés electoral de Asturias impedirá axitar a bandeira da lista máis votada mesmo en Andalucía, onde o desgaste do PSOE e a abstención lle serviu a Javier Arenas para gañar escanos malia perder votos a respecto das autonómicas de 2008. Ademais da promesa, semella que tamén ficarán esquecidas, cando menos ata a campaña dos comicios galegos, as proclamas que Rajoy lanzaba con entusiasmo ao carón do presidente da Xunta na etapa en que Alberto Núñez Feijóo constituía a única referencia no PP no que a baronías autonómicas se refire. Cando menos no caso asturiano, os bipartitos formados por partidos que non lograron ser a lista máis votada deixarán de ser para o PP un exemplo de "desunión, sen proxecto claro" e co "dobre de gastos", todo para impedir que "quen gane, goberne".

Rajoy, con Feijóo nun mitin en Galicia © PPdeG
Álvarez-Cascos valora os resultados do 25-M © Foro Asturias

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.