Balbina Gándara asumirá o liderado da MNG co reto de "reconectar coa mocidade"

Balbina Gándara CC-BY-NC-SA MNG

"Reconectar coa mocidade", especialmente coa máis "agredida polas políticas de Feijóo e do PP". É un dos retos cos que Balbina Gándara (Vimianzo, 1988) asumirá o vindeiro sábado en Compostela secretaría xeral da Mocidade Nacionalista Galega, o referente xuvenil de Compromiso por Galicia. Gándara encabeza a única lista que se someterá á votación da primeira Asemblea Nacional ordinaria da MNG, unha candidatura "baseada nun equipo" e en criterios como o "xénero, o territorio" ou a súa capacidade de "adaptarse ao traballo" que vai ter que levar adiante.

Gándara, que substituirá no cargo a Paulo Carlos López, explica en conversa con Praza Pública que unha das súas apostas é "facilitar que volva haber unha boa comunicación" da formación coa xente nova. "Queremos recuperar a ilusión, que a mocidade volva ser protagonista", explica, e para iso "debemos ter unha organización forte a nivel interno" que sexa quen de desenvolver "moito traballo na rúa, con esa mocidade á que non lle deixan ter perspectivas de futuro" porque "nos obrigan a marchar ou a aguantar, sufrindo todo o que nos boten".

Dende o convencemento de que "non é certo o lugar común de que á mocidade non lle interesa á política", Gándara coida que "o que falla" no é que a mocidade non sinta "indignación" pola situación actual ou "ganas de sair á rúa". "O que falla, ao noso modo de ver, é o instrumento" para "mudar as cousas". Non existe ata o momento, coida, "unha boa interacción entre a mocidade e as organizacións políticas xuvenís". Isto, di, é o que tentará a nova dirección da MNG.

"Apostamos por CxG porque é a forza nacionalista e galeguista que de verdade integra a mocidade"

A nova secretaria xeral da MNG tentará levar adiante este proxecto tamén coa vista posta na evolución futura de Compromiso por Galicia, partido co que a organización xuvenil vai "revisar e actualizar" o seu protocolo de relación na propia asemblea. "Nós apostamos por Compromiso porque é a forza nacionalista e galeguista que de verdade integra a mocidade e empatiza con ela, que a quere máis que para cuestións de intendencia", afirma. Con CxG como "referente" a MNG tamén analizará o "período de reflexión" que vive o nacionalismo e as eventuais colaboracións con outras forzas. "Non nos imos aventurar a facer futuribles" e "analizaremos o debate cando sexamos requiridos". En calquera caso, subliña, "o noso referente é Comrpomiso e veremos tamén como actúa" neste ámbito.

Ademais de renovar os cargos internos a asemblea servirá tamén, informa a MNG, para que "asociacións do ámbito cultural, deporetivo, estudantil, sindical, de emprendemento ou do lecer" expoñan "as súas problemáticas específicas de xeito directo, tendo nós oportunidade de entrar en contacto cunha sociedade moi rica, plural e diversa no ámbito xuvenil". O secretario xeral saínte pechará simbolicamente a candidatura encabezada por Gándara.

Balbina Gándara CC-BY-NC-SA MNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.