Baltar contrata un ex deputado tránsfuga socialista como asesor na Deputación

Fernández e Baltar, hai dous anos, cando o daquela dirixente do PSOE de Ourense se afiliaba ao PP © PP

O maioritario grupo do Partido Popular na Deputación de Ourense contará con dous asesores nomeados polo presidente da institución, José Manuel Baltar, para asistir os deputados en cuestións técnicas e de procedemento. Os beneficiados por este nomeamento son Eladio Fernández, tránsfuga e antigo militante do PSOE, e José Ángel Sampayo Fernández, candidato popular á alcaldía de Amoeiro nas derradeira eleccións. Os asesores do grupo Popular pasarán a cobrar entre 1.600 e 2.000 euros netos ao mes pero con cargo ao orzamento asignado pola administración aos grupos políticos.

O partido maioritario, que non contaba con técnicos coma o resto dos grupos, recupera deste xeito para a súa equipa un antigo militante socialista, Eladio Fernández, quen protagonizara un sonoro escándalo cando hai tres anos abandonara as filas dos socialistas a pesar de ser concelleiro en San Cibrao das Viñas e deputado provincial. 

O novo asesor, quen sufriu unha rápida conversión ideolóxica, era nos seus tempos de concelleiro un dos maiores críticos da xestión municipal da alcaldesa de San Cibrao, a conservadora Elisa Nogueira

O novo asesor, quen sufriu unha rápida conversión ideolóxica, era nos seus tempos de concelleiro un dos maiores críticos da xestión municipal da alcaldesa de San Cibrao, a conservadora Elisa Nogueira, ao mesmo tempo que confesaba a súa animadversión polo ex presidente da Deputación, José Luis Baltar. Nas súas intervencións non deixaba de falar do que el denominaba “practicas caciquís do fundador do baltarismo”.

Nas súas intervencións non deixaba de falar do que el denominaba “practicas caciquís do fundador do baltarismo”

Porén, a “desatención” ao que o someteron os socialistas, segundo manifestara nunha carta, provocou que os populares lle abriran as súas portas e o deputado reorientara a súa ideoloxía. A pesar de que lle esixiron a renuncia e a entrega da acta de deputado, Eladio Fernández decidiu conservala e pasar ao grupo dos nos adscritos para coincidir co PP á hora de votar distintas iniciativas.

Xa daquela e tras coñecer a decisión do deputado socialista, os dirixentes ourensáns do PSdeG-PSOE denunciaron a conduta do tránsfuga e o propio secretario xeral, Raúl Fernández, advertiu de que ese cambio de bando tería premio. Tres anos despois, o ex deputado socialista convértese en asesor do grupo provincial do PP.

 

Tránsfugas e cambios de partido

O caso do tránsfuga Eladio Fernández non foi o único que aconteceu na pasada lexislatura na provincia de Ourense. Nas Terras de Trives, dous concelleiros socialistas derrubaron coa axuda do PP ao alcalde independente de Trives, Francisco José Fernández, quen volveu gañar nas últimas elección a pesar de ser desaloxado en 2008. E en Carballeda de Valdeorras a alcaldesa, María del Carmen González, presentouse nas últimas eleccións como candidata do PP, tras ocupar o mesmo posto sendo socialista e máis tarde independente. Precisamente este luns recibiu a visita oficial do presidente da Deputación Provincial, Manuel Baltar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.