O ex presidente da Deputación provincial de Ourense, José Luis Baltar, despediuse da institución na que estivo durante 29 anos cunha obra pública. Antes de abandonar “para sempre a política” mandou acondicionar un tramo dun quilómetro no lugar das Vendas ata A Cabalgada no concello de Esgos. Este tramo de novo firme conduce ata a Comarcal 536 que comunica Ourense con Pobra de Trives.
Curiosamente no lugar das Vendas, o ex presidente da institución provincial ourensá ten unha finca onde se levanta unha nave cuberta con paneis fotovoltaícos. No interior da construción garda supostamente unha colección de vehículos antigos, entre os que se atopa o primeiro que utilizou o ex presidente do Partido Popular, José María Aznar.
Na preparación da estrada participaron operarios da Deputación e da empresa Copasa. Segundo diversas testemuñas recollidas por Praza, na mañá do día 24 de xaneiro, antes de que Baltar anunciara a súa dimisión, traballadores con vehículos do parque móbil da Deputación acondicionaron a rúa con cantos rodados e deixaron todo listo para que pola tarde se puidese asfaltar, operación que realizou a empresa ourensá Copasa.
Polémica cos paneis fotovoltaicos
A nave situada no lugar das Vendas, en Esgos, segue a ser motivo de polémica ao estar cuberta con paneis fotovoltaicos. Esta situación deriva do ano 2006 cando o rexedor de Esgos e cuñado de Baltar, Manuel Blanco, aprobou un planeamento urbanístico que recualificaba varias parcelas propiedade do barón popular modificando a súa condición de solo rústico a solo urbanizable.
Dous anos máis tarde, no 2008, a Dirección Xeral de Urbanismo da consellaría de Política Territorial obrigou ao Concello a manter a cualificación orixinal ao non ver xustificados “a clasificación de solos urbanizables non delimitados como de uso residencial”. Pasados os anos e tras algunha modificación legal promovida polo concello de Esgos, a nave propiedade de José Luis Baltar segue cuberta cos mesmos paneis.

