Baltar non pensa na dimisión "en absoluto" e Feijóo evita pedirlla

Baltar, dirixíndose á oposición durante o pleno CC-BY-SA Praza Pública

José Manuel Baltar non valora "en absoluto" dimitir dos seus cargos políticos e non ten, cando menos de momento, presión do seu xefe de filas para facelo. O presidente da Deputación de Ourense tivo que responder este mércores ante a prensa sobre a denuncia dunha muller que, tal e como revelou eldiario.es, acusa o barón do PP ourensán de ofrecerlle traballo na institución provincial a cambio de sexo. Baltar declárase "absolutamente tranquilo" ante a denuncia e as gravacións publicadas por este xornal mentres o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mantén un perfil baixo ante o escándalo, evitando pronunciarse sobre se procedería a substitución de Baltar.

A dimisión non entra dentro dos seus plans porque, argumenta o político conservador, este é un asunto "absolutamente de índole persoal" e, aínda que o posto de traballo en cuestión era na propia Deputación, "non ten nada que ver con esta institución", afirma. O único que está na súa axenda sobre este caso é exercer "todas as accións legais con toda a contundencia" en canto os tribunais lle dean oportunidade de facelo, asegura.

Baltar sinala que o caso é "de índole persoal, non ten nada que ver coa institución" e reitera a súa intención de exercer "accións legais con toda a contundencia"

Alén da permanencia no cargo, o dirixente popular evita tamén comentar se recoñece a súa voz nas gravacións publicadas por eldiario.es. "Accións legais, é todo o que vou responder", retrucou a preguntas dos xornalistas, que tamén tentaron, sen éxito, coñecer como acolleu que o portavoz do PP no Congreso, Rafael Hernando, considerase "repugnantes" os feitos que lle imputa a denunciante. "Non vou facer ningún tipo de declaración sobre o que di o meu partido".

O fiscal xefe de Ourense indica que o asunto "non é urxente" e aínda non decidiu se o investigará

Así as cousas, o presidente ourensán espera personarse nun proceso xudicial polo que todo parece indicar que haberá que esperar. Así o avanza o fiscal xefe de Ourense, Florentino Delgado, que en declaracións ao xornal La Región explicou que aínda non decidiu se abrirá unha investigación tras recibir o escrito da denunciante, datado o pasado 13 de outubro. "É un tema suficientemente delicado" como para ser "estudado, meditado e sopesado antes de adoptar algunha medida", indica o representante do Ministerio Público que, en todo caso, considera que o tema "non é urxente, aínda que sexa importante".

Silencio de Feijóo ante as peticións de dimisión

Pouco antes de que Baltar tivese que falar ante a prensa -este mércores recibía o grupo Los Suaves na Deputación- na sede do Parlamento continuaba a riada de peticións de dimisión que sucederon á publicación da información en eldiario.es e Praza.gal. No marco da sesión de control ao presidente o portavoz do BNG, Francisco Jorquera, lembrou que o pleno comezara "cun minuto de silencio polas vítimas da violencia machista", un fenómeno ante o que "non abnonda con minutos de silencio". "Hai moitas vítimas da violencia machista, non só mulleres asasinadas", sinalou o parlamentario, en referencia á muller que denuncia presunto acoso por parte de Baltar.

Jorquera, a Feijóo: "Seguimos esperando a que vostede esixa a dimisión do señor Baltar"

Neste contexto, di Jorquera, "seguimos esperando a que vostede esixa a dimisión do señor Baltar". Na súa quenda de réplica Alberto Núñez Feijóo obviou a petición e non se pronunciou a respecto disto, algo que pouco despois lle reclamaba tamén o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro. O líder socialista lamenta que o presidente da Xunta non se mostre "tan rápido" e "locuaz" neste caso como cando comenta problemas xudiciais de "militantes doutros partidos", suposto no que opina mesmo "sen coñecemento", reprocha.

José Manuel Baltar © Deputación de Ourense

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.