Baltar pai atribúe unha "chantaxe" á muller que acusa o seu fillo de ofrecerlle emprego por sexo

Baltar Pumar, nun mitin con Rajoy e Feijóo © PPdeG

José Luis Baltar Pumar, de novo ante os tribunais. Apenas dous anos despois de ser condenado por enchufar na Deputación de Ourense 104 persoas ligadas ao PP ás portas do congreso do PP ourensán no que o baltarismo tombou o candidato avalado por Alberto Núñez Feijóo, o antecesor e pai do actual presidente do partido e da institución provincial ten que volver responder ante a xustiza pola súa xestión do persoal naqueles anos. Desta volta, polo presunto ofrecemento dun posto na Deputación a cambio de sexo que unha muller lle atribúe a José Manuel Baltar Blanco no ano 2010, cando o actual líder xa ascendía no partido pero era o seu pai quen aínda dirixía o goberno provincial.

Como noutrora, Baltar Pumar accedeu aos xulgados ourensáns traspasando en silencio a nube de xornalistas que agardaban por el. Ao remate non foi el, senón o seu avogado, quen negou os presuntos delitos de suborno e tráfico de influencias que lle atribúe a xuíza. O político xubilado, di o letrado, respondeu de xeito "contundente" a "todo" o que a xuíza lle preguntou e tentou facerlle ver que "todo isto é unha chantaxe por parte dunha señora", a denunciante, tamén investigada na causa por presunto suborno. 

O representante de Baltar Pumar basea a súa acusación nunha das conversas difundidas en exclusiva por eldiario.es, na que a denunciante insiste en que Baltar fillo non cumpriu a súa promesa de lle atopar traballo na Deputación. Nesa gravación, agora integrada na instrución do caso, o ex-dirixente do PP laméntase de que nese momento haxa "xente procesada" por intermediar nunha "recomendación". Esa conversa, di o avogado, remata "cunha chantaxe clara".

A defensa de Baltar Pumar baséase nas conversas telefónicas para presentar o ex-líder do PP ourensán como vítima da denunciante

A versión da defensa de Baltar difire en varios puntos da ofrecida á saída dos xulgados por outro avogado, Miguel Caride, que representa a Democracia Ourensana tras sumarse á causa como acusación particular. O antigo líder do PP de Ourense, asegura, só respondeu ás preguntas da Fiscalía e da defensa -o Ministerio Público chegou a arquivar o caso- e fíxoo para "negalo todo", se ben non sinalou que fose mentira a conversa coa denunciante, toda vez que explicou que, mentres era presidente, era frecuente que se lle "achegase moita xente" para "pedirlle favores".

José Luis Baltar foi condenado en 2015 por 104 enchufes na Deputación

A instrución do caso Baltar segue adiante despois dunha campaña electoral na que o presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, así como Mariano Rajoy, compartiron diversos actos e apoiaron aberta e publicamente a continuidade de José Manuel Baltar no seu cargo. Nesta liña, antes da carreira electoral a dirección dos populares galegos xa advertira de que só actuarían contra quen é responsable dun dos seus fundamentais celeiros de votos só no caso de que fose condenado. A anterior investigación ao baltarismo por enchufes na Deputación, a de 2014, rematou cunha condena de nove anos de inhabilitación ao patriarca que, ao estar xa retirado, tornaron nunha sentenza sen consecuencias prácticas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.