Bárcenas apunta agora o PPdeG e a Romay Beccaría

Rajoy, nun mitin cunha silueta de Feijóo no fondo © PP

O caso Bárcenas vai camiño de acurralar tamén o PP de Galicia, logo das revelacións que o pasado sábado en El País acusaban a formación de recadar 2 millóns de euros en doazóns opacas de construtores, pero tamén despois da comparecencia do ex tesoureiro dos populares na Audiencia Nacional este luns. Logo de que o xuíz Ruz o citase de maneira urxente -e antes de recoñecer o pago de sobresoldos a Mariano Rajoy e María Dolores de Cospedal cando menos entre 2008 e 2010-, Luis Bárcenas entregou ao maxistrado un pendrive, así como numerosos documentos relacionados coa presunta contabilidade B do partido. En concreto, tres carpetas comprometedoras: unha con notas propias e outras dúas con documentación, unha delas papeis do PPdeG.

Bárcenas entregou ao xuíz Ruz tres carpetas, unha con notas propias e outras dúas con documentación, unha delas con papeis do PPdeG

A reacción do PPdeG ao suposto financiamento irregular en 2006, cando Feijóo xa era presidente do partido, foron escasas e idénticas en todos os casos. O xefe do Executivo galego limitouse a sinalar este luns que, nas información publicadas, as persoas implicadas "xa desmentiron" o presunto financiamento ilegal, polo que se "remite" a esas mesmas palabras. Nin unha verba máis.

Alfonso Rueda, secretario xeral do partido e vicepresidente do Goberno galego, insistiu nun argumento idéntico e aclarou que "os propios aludidos" na información do diario madrileño "xa desmentiron" as supostas irregularidades. "Co cal, creo que pouco máìs teño que dicir", asegurou o número dous dos conservadores galegos. El País aclarara, no entanto, que a veracidade do polémico informe fora ratificado por varios ex dirixentes do PP dispostos a ratificalo ante a xustiza. A oposición ao completo xa pediu a comparecencia urxente de Feijóo no Parlamento para que dea explicacións.

O ex tesoureiro do PP di que Villar Mir quixo doar 300.000 euros ao PP e que Rajoy ordenou darlle os cartos a Romay Beccaría

Pero hai máis, xa que Luis Bárcenas tamén recoñeceu ante o xuíz que o empresario que quixo doar 300.000 euros ao partido en 2011 foi Juan Miguel Villar Mir, propietario do Grupo OHL. Segundo fontes personadas no caso, o ex tesoureiro explicou que o construtor tiña interese en que a dirección do partido soubese que estaba achegando cartos e que Rajoy dixo que lle entregasen o diñeiro a Romay Beccaría, daquela tesoureiro da organización. Confirmaría así o que xa advertira o director de El Mundo, Pedro J. Ramírez, a pasada semana e que corroboraría a existencia dunha contabilidade B e cobros ilegais por parte de empresarios máis aló da etapa de Bárcenas á fronte da tesourería da formación conservadora.

 

Bárcenas asegura que Rajoy destruíu papeis sobre diñeiro B na súa presenza

E entre todo isto, Bárcenas confirmou ao xuíz Pablo Ruz que fixo entregas en efectivo a Cospedal e Rajoy entre 2009 e 2010 (90.000 euros repartidos entre os dous cando menos e entregado en billetes de 500 euros) e chegou a asegurar que o actual presidente do Goberno destruíu documentación que confirmaban estes pagos diante del mesmo.

O ex tesoureiro cambiou a súa estratexia de defensa e recoñeceu a autoría dos papeis que reflicten a suposta contabilidade B do partido que preside Mariano Rajoy. Segundo eses documentos, o Partido Popular fixo pagos en B aos seus dirixentes e recibiu doazóns que vulneraban a legalidade, por proceder de empresas que contrataban coa Administración e por s uperar os límites establecidos pola lei.

Despois de que o xornal El País publicase a fotocopia deses manuscritos en xaneiro, Bárcenas asegurou que el non era o autor e dixo que a letra non era súa. Unha vez que entrou en prisión, El Mundo publicou o orixinal dunha desas follas e entregoulla ao xuíz Pablo Ruz, que citou a declarar ao director dese medio e ao ex tesoureiro do PP. Fontes da súa contorna aseguraron que Bárcenas dera instrucións de difundir información sobre o PP no caso de que chegase a ingresar no cárcere.

O ex xefe das contas do PP recoñeceu a existencia dunha caixa á parte da oficial. Segundo relatou ao xuíz Pablo Ruz, desa caixa pagáronse "Traxes M.R." como gastos de representación" porque "non quedaba ben presentar eses gastos ante o Tribunal de Contas".

"Cospedal coñecía os sobresoldos e decidiu seguir pagándome", dixo Bárcenas ante o xuíz

Bárcenas cargou especialmente contra a secretaria xeral do Partido Popular, María Dolores de Cospedal, ao asegurar que a número dous de Rajoy "coñecía os sobresoldos e decidiu seguir pagándome". De feito, Bárcenas estivo contratado pola organización até o 31 de xaneiro deste ano, a pesar de que a dirección do PP asegurou en numerosas ocasións que o ex tesoureiro xa non estaba no PP.

Bárcenas entregou nova documentación ao maxistrado que investiga o presunto financiamento irregular no PP: o ex tesoureiro entregou un pendrive e novos documentos, entre os que se incluiría esa carpeta sobre o PPdeG. Ademais, asegurou que o seu labor no PP consistiu en continuar a iniciada polo seu antecesor no cargo, Álvaro Lapuerta: "Eu fixen o que Álvaro (Lapuerta) me dixo que fixese", aclarou.

 

Romay e Feijóo, nunha imaxe de arquivo © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.