Bascuas, primeiro candidato ás primarias de Compromiso

Bascuas, na presentación da súa candidatura CC-BY-SA Praza Pública

A tres días de que Compromiso por Galicia celebre as súas eleccións primarias o coordinador xeral da formación, Xoán Bascuas, presentouse este mércores ante a prensa para ratificar a súa intención de concorrer ao proceso e así optar a ser cabeza de lista pola Coruña nas autonómicas do 21 de outubro. Unha vez confirmado que CxG participará nos comicios en solitario Bascuas considera que pode ser quen de "sintetizar os diferentes sentires que habitan" na formación e que, ademais, o seu paso adiante pode "incentivar os compañeiros e compañeiras" a concorrer tamén nun proceso no que poderán votar as persoas inscritas como militantes e simpatizantes, pero tamén "a cidadanía" en xeral, coa única condición de rexistrarse previamente.

O candidato ou candidata de CxG á presidencia elixirase nunha segunda votación entre as catro cabezas de cartel

O de Bascuas é o primeiro nome dun proceso de primarias para o que polo momento non se coñecen o resto de candidaturas, se ben fontes da organización dan por feito que, por exemplo, no caso de Ourense é de agardar que o ex senador Xosé Manuel Pérez Bouza opte a ser cabeza de lista e que o mesmo aconteza en Pontevedra con Rafael Cuiña. Será este xoves cando se peche definitiviamente a nómina de aspirantes a encabezar as listas das catro circunscricións e, unha vez elixidos, os integrantes do censo realizarán unha segunda votación, neste caso para designar o candidato ou candidata á Presidencia da Xunta entre as cabezas de cartel seleccionadas antes.

As primarias de Compromiso chegan marcadas pola non concreción dun pacto entre compromiso e Alternativa Galega de Esquerda -a alianza de Anova con Esquerda Unida-, se ben Bascuas matiza que isto non implica que CxG vaia "en solitario" ás urnas. A formación que encabeza está integrada "por diversos grupos", polo que "ninguén pon en tea de xuízo a nosa capacidade de sumar". Ademais, di, o feito de que as primarias sexan "abertas" garante que "imos estar acompañados pola cidadanía" e "ningunha forza actúa deste xeito"; así, por exemplo, "o PP presume de resolver en media hora" as súas condidaturas e as do PSdeG "apróbanse en Ferraz".

E, cales son as expectativas electorais de CxG unha vez coñecido o mapa de formacións? "Todas", sintetiza Bascuas. "Somos coñecedores de que temos que compartir as nosas propostas" co electorado para forxar un "proxecto lonxevo", ata o punto de constituírse no "gran partido nacional galego". "Ese proxecto pode desenvolverse en condicións óptimas" ou non, evidencia. En todo caso, explica, CxG participará con intensidade nunha campaña electoral da que só farán parte "dúas forzas de carácter nacionalista e co centro de decisión no país" entre as cales, non obstante, di, hai diferenzas "ideolóxicas e de práctica política".

Bascuas, na presentación da súa candidatura CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.